“Levaino!” e o novo disco de Xurxo Fernandes. A presentación terá lugar este venres 9 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Xurxo comentaba no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas que con este traballo xuntou dous perfís profesionais:”A investigación da música de tradición oral(En Galicia) e nas comunidades sefardís de oriente.Un traballo que sempre fixen en paralelo e que agora decidín xuntar”.
O artista coruñés quere incidir “nunha conexión evidente entre a nosa música de tradición oral e o Mediterráneo Oriental”. E polo tanto afirma que “hai moitas semellanzas e quixen poñer en valor ese vínculo”.
Entrevista en Radio Xallas (Minuto 60)
E logo dun traballo de campo que comparteu lugares tan dispersos, territorialmente falando, como Coristanco e Tel-Aviv, chega este disco:”Os procesos de creación sempre dan estas alegrías ao final”, comenta o artista que non se esquece das visitas as aldeas de Silván, Soutullo ou Sísamo:”Eu aprendín a cantar e a entender a música grazas á xente que me abriu as portas das súas casas”.
Agora, Xurxo Fernandes fai unha homenaxe a uns vencellos un tanto apartados:”Estabamos de costas ao Mediterráneo”. Esas pegadas dos xudeus expulsados, esos “xeitos” comúns, esa percepción colectiva, e moitas cousas máis latexan nesta obra do músico.