A editorial “Toxosoutos” vén de publicar “Cicatrices do aire”, a obra gañadora do XIX Certame literario de relato de aventuras “Antón Avilés de Taramancos” convocado polo concello de Noia e organizado pola revista “Casa da Gramática”.
A autora, Emma Pedreira, xa sabe o que significa publicar un libro. De feito, hai un feixe de libros dela, de poesía e narrativa nas librarías.“É un momento que nunca deixa de emocionar. É como ter fillos, todos son especiais e todos son queridos” confesou Pedreira nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas.
Entrevista a Emma Pedreira (minuto 30 do audio)
A traxectoria lírica desta muller deixa pegada tamén nesta ocasión:”É un libro moi poético que aproveita para contar moitas historias, con moita metáfora implícita, e que leva a imaxinar a través dos sentidos”.No propio volumen hai poemas.
“É un libro, que aínda que gañou un premio de aventuras, onde a protagonista non se move de enriba dunha pedra e debaixo dunha laranxeira, pero viaxa por tódalas épocas da historia”.“Cicatrices do aire”, conta cun excelente traballo da ilustradora Lidia Cao, tanto na cuberta como no interior.
“Mira, é que non podo contarche esta historia sen contarche un cento delas. É que diso se trata, de que sempre vivín así e non souben que outra cousa facer que contar o que me vive dentro da cabeza”. Deste xeito comeza esta novidade editorial de Emma Pedreira.