6.5 C
Santa Comba
sábado, diciembre 10, 2022

“Os salaios dos náufragos”

Poema de Xosé Manuel Lema que gañou o certamen Anduriña Voandeira, da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi en 2012

Escóitanse rumores políglotas,

dos espíritos nadadores

entoando himnos azuis,

ecos tráxicos dos últimos suspiros,

de mariñeiros sen compás,

dun capitán amarrado ao seu leme,

abatido polos puñais da morte.

 

Epitafios de náufragos

que acaban sendo vomitados

polas ondas feridas de rabia.

Por dragóns que non queren corpos estraños

habitando as súas entrañas.

Pero quedaron os seus espíritos salgados,

na torre de babel mergullada.

Quedan as veas latexando,

na incesante patria do mar.

 

E a memoria dos defuntos non se esvaece.

Estenden mans de fume,

intentando alcanzar as rochas,

ollos que sinalan a costa,

falando idiomas de sangue.

Queren abrazar aos seus fillos

e contarlle as historias que estragaron

no seu exilio de emigrantes.

 

Perderon a  rosa dos ventos,

e viven con corazón de crustáceo

pel de alga, e bocas de escuma.

Habitan ataúdes esnaquizados,

en estrondosas noites de temporal.

Compoñen versos de lume cruzado,

na pel vizosa dos hipocampos.

 

Nos acantilados maxestosos

deixaron tatuados xeados testamentos,

en mapas de pedra sufrida,

petroglifos erosionados,

que escoitaron a voz do vento.

Son os mesmos que enchían as redes de peixe.

Son os mesmos que amaban os salseiros.

 

A luz do faro como un limón

emite a súa mensaxe ácida,

luces que camiñan entre a néboa,

mentres a costa se poboa

de cruces brancas de silencio.

Son as bandeiras de rendición ante o mar.

Son as estrofas mudas do sufrimento.

 

Cartografías afogadas en pozas de olvido.

Salaios lonxanos que deprimen a lúa.

Pero  eles seguen cos seus monólogos desesperados

e sobreviven no corazón de quen os sinta.

Néganse a marchar polos arrós da nocturnidade.

Queren repetir a última derrota.

Unha vez e outra máis,

reiteran os últimos momentos da súa loita.

 

Son aqueles que foron chorados camiño do camposanto,

con grolos de incenso e oracións resignadas,

que aprenderon a quererlle ao mar desde pequenos,

e no mar medraron e nel morreron.

Que peneiraron os seus soños no solpor,

en barcos ávidos de marusías.

 

Os osos e as cinzas repousan nos cemiterios,

entre flores murchas e cirios vermellos.

Miserable destino dos fillos da nordesía.

As súas almas navegan coas sombras,

enfrontados a derradeira singradura atlántica.

Son os mesmos que bebían as rompentes,

son aqueles que nunca esqueceremos.

 

Son os que habitan as madrugadas,

entre folerpas de luz e séculos de escuridade.

Chaman por nós, crucificados pola impotencia,

de non poder ser o que foron antes.

Asubían cicatrices curtidas polo pasado.

Insisten en ser  voz de vendaval e buguina.

Para non seren escravos.

Para que non se extinga  o ronsel da súa memoria.

Son os mesmos que enchían as redes de peixe.

Son os mesmos que amaban os salseiros.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
Concello de Val do Dubra
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,790SeguidoresSeguir
509SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos