18.8 C
Santa Comba
martes, noviembre 5, 2024

Rosalía de Castro e o conto da criada de Laxe

Rafael Lema

A nosa inmortal poeta Rosalía de Castro, que vai ser obxecto dunha homenaxe este mes no esplendoroso Parador Nacional de Muxía, entre os seus vencellos coa Costa da Morte figura a viaxe de moza á Romaría da Barca de Muxía no 1853, que inspirou un dos seus «cantares gallegos», e novelas como «La hija del mar» ou «Flavio». Pero é menos coñecida a influencia que tivo sobre a poeta unha criada de Laxe, a Choíña, da que aprendeu moitas cantigas e contos populares das terras da Costa da Morte. É probable que a acompañase na súa peregrinación a Muxía.

Na nenez da poeta en Ames e Padrón ten un contacto directo co mundo rural galego, onde as criadas da casa teñen unha forte pegada, porque a través delas chegan pola porta da cociña a vida de labranza, a lingua, os costumes, as crenzas ou as cantigas; que tanto influíron na obra da nosa vate. A Choíña, para González Besada, era «una campesina natural de Laxe» que distrae a Rosalía con contos e cancións da terra. Antonio Vázquez Rey pensa que esta serventa aconsellaría á nai da enfermiza Rosalía á visita ao famoso santuario mariano da Barca. Da viaxe sabemos sobre todo por Murguía, e polo famoso romance rosaliano. Coñecemos a unha das súas acompañantes, Eduarda Pondal, irmá do logo célebre poeta Eduardo Pondal.

Tamén que en Muxía, naquel barullo de xentes, as dúas mozas colleron o tifo, morrendo Eduarda. Rosalía pasou do 8 ao 25 de setembro do 1853 en Muxía. Ano de fame, andazo e emigración. Levou este mes doente, tras os días alegres da romaría, na casa do tío médico dos irmáns Pondal Abente, don Leandro Abente Chans. Irmá da nai do bardo, dona Ánxela Fernanda. En fin, todo apunta a que Rosalía coñecía aos Pondal porque compartían vida en Santiago, e que foi invitada por eles á célebre romaría. Agora veñen as dúbidas e o noso intento de esclarecelas, ou polo menos aportar novas liñas á biografía da nosa grande escritora.

Hai quen intentou trazar unha ruta da viaxe de Rosalía á Muxía desde Santiago atendendo ás vías rodadas do século XX, moi distintas dos camiños reais do século anterior. Se non pasaron antes os Pondal por Ponteceso e colleron o ben coñecido «camiño da Barca», pola Ponte do Porto. No retorno os romeiros celebraban en Ponteceso «A Barquiña», por iso o irmán do Bardo ergueu a capela de Santa Mariña, para recibilos. Na primeira metade do XIX o camiño real a Santiago que vemos no excelente mapa de Domingo Fontán leva a Portomouro e Santa Comba. Segue a Vilar de Céltigos e Berdoias. Ou ben en Céltigos derivaba á Follente, Zas, Tines, Vimianzo, e de aquí a Ponte do Porto pola «calzada». De pouco vale a inventiva tendo cartografía.

Quen viña sendo a Choiña? Os Pondal e os Abente eran de Laxe e alí contaban con criadas da terra, de Traba ou Serantes. A nai de Rosalía puido coñecer na súa visita a Muxía á Choíña, recomendada polos Abente. Pero, como veremos, xa os pais de Eduardo Pondal gastaban trato cun clérigo de Padrón e cos Castro, así que tamén puido entrar a Choiña a traballar antes da viaxe a Muxía, como eu creo. Nada sabemos desta muller. Un dato importante dos biógrafos é tela por unha boa contacontos e amiga das cantareas. Cantas non aproveitaría Rosalía para as súas obras! E non sería esta laxeira quen a inspirou primeiro para os seus Cantares Gallegos, e os Cuentos Extraños?

Foron célebres na casa dos Pondal de Ponteceso os criados argalleiros, amigos dos contos; como Pepe Cotelo, un vello xalleiro que coñecía toda a xeografía do reino e os seus chismes. Non poucas veces se enfentou á Santa Compaña e as triadas de mouras noctámbulas. Os Grela, Figueiras e Pastoriza traballaron a eito nos tempos de don Cesáreo Pondal e a súa irmá dona Pepita. Ésta contaba coa axuda das serventas chamadas as Aniñas, como a ama de chaves María Pepa. Ou Carmen, a Romera. En canto a nai de Rosalía sabemos que tivo no seu servizo a María Martínez de San Xoán do Campo, e Xosefa Pais de Liñaio-Negreira.

Agora imos de volta a Muxía, no 1853. En primeiro lugar, Rosalía nesta romaxe contaba con 16 anos e Eduarda, que vivía en Ponteceso, con 25; xa unha muller ben lograda nos cánones da época e non unha doncela. Quen vivía en Santiago, onde fixo vida e morreu, cunha idade máis próxima a da poeta, viña sendo outra irmá, Euloxia Pondal (20 anos). O mesmo Eduardo Pondal tiña 20, e sabemos que compartía veladas compostelás, líricas e dramáticas, con Rosalía. Polo tanto entendo que a nosa poeta intimou co bardo e con Euloxía, primeiro, eran os seus amigos máis próximos; e que os dous non faltaron á festa de Muxía, lugar de encontro familiar.

Sendo tan nova Rosalía era normal que a acompañaran a nai e a criada, quedando polo menos esta última de custodia da rapaza. Sería moi atrevido pensar que naquela época Rosalía fose invitada polo seu compañeiro de actividades culturais Eduardo Pondal, para unha estancia na casa dos Pondal Abente a unha festa afamada pola troula e o algareo impropio de damas burguesas. Ademáis da visita ao santuario, as procesións e o abalo da pedra, era unha cita para as iniciacións de todo tipo, as parrandas polos campos e «a xesteira». Palabra que os desta ría, fartos de camiñatas polas breas de sempre cada ano ao santuario, ben entendemos e non quero desglosar, porque hai menores lendo. Era preciso unha maior relación social entre as dúas familias, tanto no caso de que fose a moza coa nai ou sen nai. E sí había vínculo.

En Santiago vivía a irmá do médico muxián don Leandro Abente, dona Xoana, casada con outro parente da rama Pondal compostelá, Xosé Pondal del Pozo. Tanto os Pondal como os Abente eran de Laxe. Sí, de Laxe era o médico don Leandro Abente (e irmáns) e o pai de Pondal, don Xoán Pondal Frois. Importante mención, para atender ao caso da criada. Dona Xoana Abente tamén tiña fillas novas, unha delas Xulia (22 anos) entraría polo tanto coas súas curmás entre as amizades de Rosalía en Santiago. Foi a nai do poeta Gonzalo López Abente, non falta de inquedanzas culturais e agarimo pola educación. A súa irmá Eduarda Abente era curmá e afillada do irmán maior do bardo, don Cesáreo Pondal, influínte primoxénito dos Pondal a quen herdou.

En Santiago ademáis de Rosalía e a súa nai vivía a tía da poeta, dona María e os seus fillos (Concha, Carmen e Tomás Lugín de Castro) coa criada da casa e madriña de Rosalía, María Martínez. Con esta familia compartía fogar Rosalía na súa estadía compotelá, ata a súa marcha a Madrid no 1856. Hai polo tanto unha complicidade, una relación social entre a familia dos Lugín Castro e os Pondal Abente de Compostela, tendo as casas moi preto. Isto reforza a amizade de Rosalía co bardo, criada entre libros e tertulias literarias, tardes de teatro e compromiso político. Pero entendo que foi antes unha relación entre familias de trato. Ademáis da vida social santiaguesa, temos por exemplo outro dato importante.

O irmán máis vello do bardo, o mentado Cesáreo Pondal Abente, nacido en Laxe no 1820, vive en Padrón entre 1833-36, na casa do clérigo don Xosé Castro Agudín, preparando estudos universitarios. Era este cura erudito, amigo e compañeiro de «tabla» do pai crego de Rosalía, e emparentado cos Castro. Tras a súa viaxe a América vai ser don Cesáreo quen leve as rendas da casa petrucia de Ponteceso, algo que xa inicia no 1854. Nesta etapa padronesa do irmán máis vello do bardo xa temos un primeiro vínculo dos Pondal Abente e os parentes fidalgos de Rosalía. A data da estancia do mozo Cesáreo en Padrón coincide coa relación da nai de Rosalía (María Teresa Castro) e o seu pai, o crego José Martínez Viojo.

Pola súa banda os Castro Agudín procedían da Terra de Soneira, da pequena parroquia de Treos (Vimianzo). Pai ou tío do clérigo sería o escultor Francisco Castro Agudín, cunha obra centrada na imaxe relixiosa. Seguía tendo parentes Castro Agudín en Treos, traballando para a igrexa, adicados a carpintería e ebanistería no 1841.

Tampouco é un dato menor que o avó de Rosalía, don Xosé de Castro, fora estudante de medicina en Santiago; e o tío do bardo tras a carreira na mesma facultade era médico de Muxía. É igualmente importante a cita de Treos, como lugar natal do clérigo padronés Castro Agudín. Os Domenech de Laxe emparentaron coa casa dos Costa, xalleiros de Treos. Os Domenech foron unha importante familia de fomentadores cataláns chegados no 1800 que posuían a metade da nobre Casa do Arco de Laxe. Xulia Pondal Abente (1831-1910), irmá do bardo e amiga de Rosalía, casou en Laxe con Bruno Domenech Rato. Manuel Domenech era alcalde de Laxe cando compartía peticións de obras públicas e liortas políticas a brazo partido con Cesáreo Pondal Abente, o home que creou (inventou) un novo concello, Ponteceso.

Máis atendida está a primeira etapa creativa de Rosalía. En Santiago de Compostela a grande artista recibiu a instrución que por aquel entón era a máis adecuada para unha «señorita» (nocións básicas de debuxo e música), asistindo de forma habitual ás actividades culturais promovidas polo Liceo da Mocidade xunto con personalidades destacadas da mocidade intelectual compostelá como Manuel Murguía, Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre.

Vimos que cos Pondal Abente había relacións familiares, de vida social. Pero no caso de Murguía, co que acabaría casando tras a súa estadía en Madrid no 1858, tamén hai unha ligazón que o ata cos Pondal, polo tanto vemos algo máis que unha confluencia ocasional de estrelas errantes na vida cultural santiaguesa nuns anos axitados e revolucionarios, facho de grandes nomes no alborexar do noso Rexurdimento apiñados neste grupo do liceo. Murguía era fillo do compostelán Xoán Martínez de Castro, boticario na Coruña; pero o seu avó paterno (Martínez) foi bautizado en Almerezo (Ponteceso) na mesma pía que Eduardo Pondal. A súa avoa paterna (Castro) era de Laxe. E unha criada de Laxe foi ama de cría de Murguía.

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 24 de febrero de 1837-Padrón, 15 de xullo de 1885) naceu na madrugada do 24 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo de Santiago. Filla natural do sacerdote José Martínez Viojo (1798-1871) e María Teresa da Cruz Castro e Abadía (1804-1862), unha fidalga solteira de escasos recursos económicos, foi bautizada ás poucas horas do seu nacemento na Capela do Hospital Real polo presbítero José Vicente Varela e Montero, cos nomes de María Rosalía Rita, figurando como filla de pais descoñecidos. Librou de entrar na inclusa ao facerse cargo dela a súa madriña María Francisca Martínez, fiel ama da nai, a que algúns cren parente do pai. Ata cumprir os oito anos, Rosalía atopouse baixo a custodia da súa tía paterna Teresa Martínez Viojo na aldea de Castro de Ortoño-Ames. Logo a nai decide facerse cargo dela, primeiro en Padrón e desde en 1850 en Santiago, con frecuentes voltas a Padrón.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,320SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos