Escoita a entrevista en Radio Xallas a partir do minuto 84
Xosé Manuel Lema//
Un día Belem Tajes sentiu que era feliz cantando. E se ademais de ter talento engades vocación a verdade é que tes moito andado. E esta rapaza nada en Buenos Aires e que forxou carácter en Arou, xa ten unha traxectoria en grupos como Luar na Lubre, Vudú, en colaboracións con artistas como o gaiteiro Xulio Lorenzo ou tamén en solitario.
“A Costa da Morte foi sempre moi referencial para mín. É ese lugar onde está a calma e a auténtica liberdade. Levo moi dentro á Costa da Morte” afirma Belem.
De feito esas coplas populares das avoas habitan o seu novo proxecto musical, onde tamén homenaxea a Arxentina. Con Luar na Lubre poido presentar e interpretar “Camariñas” en distintos recunchos do mundo.
“A canción de Camariñas é moito da casa, de cantar na mesa despois de xantar. Era un orgullo poder cantala e explicar onde quedaba Arou e Camariñas”.
Recentemente navegou co poeta e mariñeiro Xosé Iglesias ata a Illa Lobeira. A néboa non permitiu o espectáculo natural completo, pero sí posibilitou que unha serea interpretara unha canción que a maxia das novas tecnoloxías mantén viva.
Belem Tajes segue adiante cos seus proxectos, coas súas cancións impregnadas en salitre, que recollen os ecos das mulleres que deixaron os seus versos en días de argazo e area. Das panderetas festeiras do San Bartolo. Das caracolas apátridas que chegan á praia do Curro, a Lobeiras ou a Braña de Lazo.
Non a perdan de vista.
Máis info en www.belemtajes.gal
Fotos- Brais Rouco – Web Belem Tajes