// Xosé Manuel Lema// (Entrevista desde o minuto 91)
Ao outro lado do fío telefónico estaba Christian Pensado. Desde a capital de España, esa especie de “zona cero” do coronavirus estatal, contaba aos ouvintes de Radio Xallas, como se estaban a vivir estas datas de dúbidas e confinamento.
Despois “dun cambio brutal e impulsivo” para buscar un “cambio de aires”, o artista de Vilaferreiros viuse nunha situación nova, sen poder facer unha escapada a súa terra:”Todo isto pillounos aquí, encerrados nun piso. Estás como nunha burbulla”.
Foi testemuña directa da expansión dunha pandemia de coronavirus que ao principio non se tomaba demasiado en serio na capital. Estaba a piques de lanzar unha nova canción, adicada aos emigrantes. Unha composición que bebe nas fontes do pop británico “pero con sons da terra, de gaita e pandeireta”.
Terá que agardar. Como teremos que esperar para ver a Christian Pensado sobre os escearios. Houbo algunha chamada e non descarta percorrer os campos da festa con algunha orquestra:”Non descarto realmente volver á verbena máis cedo que tarde. Doulle un ano de marxe”.
Mentras, segue recibindo boas críticas polo seu primeiro sinxelo, “Perderei”. Unha canción con forte carga sentimental. De feito compúxoa “nunha noite de inspiración”. Está adicada a “Lola do Carrasco”, a súa avoa Aurora. Unha persoa moi importante na súa vida.”Non esperaba nin tantas reproduccións nin tanto agarimo da xente” comentaba Pensado.
Pero son moitos os que o seguen con auténtica paixón. Como é o caso de Ana Andrade. Aínda que o futuro é sempre incerto, Christian Pensado ten dúas cousas que xogan ao seu favor. Talento artístico e sinxeleza humana. E a este tipo de persoas sempre gusta entrevistar.
Este intérprete de Mazaricos é tamén unha persoa agradecida. Daquela marabillosa experiencia do “Recantos” do programa Luar da TVG, conserva un eterno agradecemento as xentes de Mazaricos, Santa Comba, Zas e de toda a Costa da Morte que se volcaron con él. Porque Christian é así. E así penso que vai ben.