VÍDEO- «COSTA DA MORTE»- GRUPO SOBREKARGA – PONTE DO PORTO
Xosé Manuel Lema
Se onte compartimos a balada “Isabel” que fala do mundo da droga, hoxe imos con algo máis potente, e que foi un dos sinais de identidade deste grupo de Ponte do Porto.
A canción “Costa da Morte” era unha das cancións máis queridas polo público. Esta homenaxe musical aos náufragos e aos mariñeiros, tiña especial relevancia nunha zona onde unha parte importante da poboación ten un contacto directo co mar.
Cando escribín a letra, tanto eu coma os compañeiros de Sobrekarga tíñamos claro o que pretendíamos transmitir. A música pedía esa mensaxe. E os nosos corazóns tamén. Foi das primeiras pezas e a que eleximos, por exemplo, en momentos importanteS como a actuación no programa “Luar” da TVG.
Esta é a letra.
“Costa da Morte”
A costa respira medo,
o ceo anubado contempla,
un barco perdido,
no medio da tormenta.
Costa da Morte,
onde a vida é mar
cárcere de ondas,
sangue, ouro e sal.
Bágoas de ferro,
nos ollos da viúva,
detrás dunha fiestra,
un salaio cruel.
Rochas bañadas de sangue,
o mar leva aos seus fillos,
mil caras de sono,
en busca dos corpos malditos.
Mariñeiros confusos,
que durmen no mar sen alento,
na intimidade da noite,
non existe lei ningunha.
Costa da Morte,
onde a vida é mar
cárcere de ondas,
sangue, ouro e sal.
P.D.)Na gravación desta canción participaron Juan José Canosa, Cándido Canosa, Anxo Fernández, Simón Santos e Xosé Manuel Lema.