Xosé Manuel Lema
Entrou como un paxaro pola xanela e mesturouse entre todas as cancións que había para escoitar. Pero tiña un brillo propio. O encanto pegadizo da rumba desde os primeiros compases. A maxia poderosa dos metais, daquelas orquestras das que me falaba o meu pai. Banda Xangai, así se chama esta orquestra bravú que lanzou ou seu primeiro tema «Dous quereres”.
Non tardamos en programar a canción en Radio Xallas, e en localizar a esa tropa de artistas que forman a banda. E encontrámonos nas ondas, cunha desas almas rebuldeiras da Galicia cultural, Xurxo Souto, que nos falou desa canción que fala do viaxe dos emigrantes galegos con destino a Barcelona no tren “Xangai”.
Entrevista de Xurxo Souto en Radio Xallas a partir do minuto 61 deste audio
“É unha realidade común a moitas persoas que non estaba expresada musicalmente” explicounos Souto, poñendo en valor esa “conexión cultural” entre Galicia e Barcelona.
“Hai camiños invisibles, como o da relación constante con Barcelona, milleiros de emigrantes galegos foron alí a traballar”afirma Xurxo Souto reivindicando que Galicia é “un pobo de artistas, un pobo creativo”.E honrando a Pucho Boedo e Los Satélites, Los Trovadores ou a orquesta Finisterre.
O vindeiro sábado, coincidindo co 25 aniversario do “bravú”, a banda Xangai actuará na Sala Malatesta de Santiago de Compostela xunto cos Rastreros. Ogallá poidamos seguir gozando de máis temas coma este.