Xosé Manuel Lema
Adolfina Mesa naceu en Venezuela pero leva anos abrazada á bandeira da cultura galega. E na entrevista que lle fixen no programa “Na Encrucillada” deixou toda unha declaración de principios:”Deime conta que existía unha loita pola perda da lingua galega. Considérome unha filla adoptiva de Galicia e gozo da súa xente. Unha loita que é de todos, tamén é a miña. Pola lingua, polas raíces, pola cultura”.
Adolfina séntese coma peixe na auga nas coordenadas da poesía intimista. Ten un libro bilingüe chamado “Poemas y Catarsis”, participa en recitais poéticos e tamén dedica unha parte do seu tempo á pintura, como creadora e como profesora.”Para min a pintura e a poesía van en conxunto, porque transmiten e comunican”, comenta a poeta lucense.
Cree na inspiración pero tamén no traballo. Precisa de silencio para a actividade creativa.Considérase unha persoa “moi reivindicativa”.
O seu cartafol de preferencias poéticas está ateigado. Desde Pablo Neruda ou Lorca ata a grande Rosalía de Castro, pasando por Manuel Rivas ou a “alucinante” Eva Veiga.
A partir do minuto 51 deste audio podes escoitar a conversa con Adolfina Mesa, que a semana anterior foi presentada “Na Encrucillada” por Óscar de Souto.