5.9 C
Santa Comba
miércoles, marzo 12, 2025

U-49 de Rafael Lema, unha novela en galego sobre a Gran Guerra

U-49 (Tambre, Edelvives) é unha novela publicada fai unha década por Rafael Lema sobre un dos submarinos alemáns máis activos na Costa da Morte na Gran Guerra, e agora que se cumpren cen anos do armisticio é motivo dun análise da Universidade de Santiago. É a única novela da literatura infanto xuvenil galega que trata sobre este conflito, por iso representou ás letras galegas nun congreso internacional no Porto no seu cabodano e foi obxecto de tres traballos de prestixiosas investigadoras universitarias en dous anos.

Un destes traballos foi publicado este ano. «As mulleres na Gran Guerra: U-49, de Rafael Lema» é un documento de doce páxinas da filóloga Verónica Pousada Pardo sobre a novela do autor de Ponte do Porto, editado no libro «Guerras mundiais na literatura infantil e xuvenil galega: roles femininos» coordinado por María Eulalia Agrelo Costas. Son investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (Instituto de Ciencias da Educación), do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O terceiro estudo da Universidade que se fai sobre esta obra que nos leva ao último ano da Gran Guerra, no 1918.

A aventura de Maurice pola Costa da Morte

Na novela o autor recolle a memoria de Maurice, un mozo bretón fuxido da leva á ría de Camariñas, un país neutral onde vive un tío seu. Mais o rapaz comprobará que a guerra non está lonxe, pois pola Costa da Morte andan espías, submarinos e comerciantes sen escrúpulos nin bandeiras. Vese metido nunha trama de espías xunto a dúas rapazas da vila onde vive, un asunto de transcendencia porque terá moito que ver coa derradeira gran ofensiva alemá da primavera do 1918. Así que a vida de ficción da obra tamén cumpre cen anos. Entre os persoeiros femininos analizados por Pousada figuran as amigas do protagonista. Irene Castro, filla dunha meiga e criada do tío de Maurice; e Iria León, sobriña do cura e filla do mestre da vila, que anda en bicicleta e viste pantalóns.

Rapazas bravas, sen medo, nun tempo de falta de dereitos para a muller, nas sombras da sociedade. «Aínda que son varias as mulleres senlleiras, de andar ceibe, importantes na coreografía do argumento, sempre pensando que é unha novela de época, onde a xente falaba e actuaba dunha determinada maneira» recorda o autor, bo coñecedor da nosa historia e intrahistoria.

U-49 nun congreso internacional en Portugal

Este libro foi invitado a un congreso internacional de literatura que se celebrou o 12 e 13 de decembro de 2014 na Universidade do Porto, o «20 Encontro Luso-Galaico-Francés do Livro Infantil e Juvenil». Rafael Lema estivo acompañado pola profesora Isabel Mociño. Ademais do traballo antes citado dous estudos sobre a novela U49 saíron o ano pasado en dous libros de crítica literaria no ámbito universitario editados no Porto e Frankfurt. Son obra da filóloga ourensá Isabel Mociño González da Universidade de Vigo.

O seu traballo «El mar y la guerra en la narrativa juvenil del escritor gallego Rafael Lema» forma parte do volume «Literatura infantil y juvenil con fondo gris: muerte, naufragios, guerras y desastres» coordenado por Mociño e Riitta Oittinen, publicado na alemá Iudicum Deutsche Nationalbibliotek, en Frankfurt. A outra análise denomínase «A grande guerra na literatura infantil e xuvenil galega: U49 de Rafael Lema», neste caso parte do volume «De como a literatura infantil e xuvenil é chamada á guerra. Reflexións sobre os conflitos bélicos en Galicia e Portugal», onde figura Mociño na coordinación, editado por inED no Porto tras os «20 Encontros luso-galaicos do libro infantil e xuvenil» na Universidade do Porto.

Submarino U-36

Guerra submarina na Costa da Morte

O autor lembra a importancia da Costa da Morte na guerra submarina durante esta etapa, e como en 1916 e 1917 sobre todo, os submarinos alemáns campaban ás súas anchas polas nosas costas, contaban na nosa comarca co apoio de varios persoeiros (políticos, patróns, empresarios) en Corme, Camariñas (Campos, Noia, Miñones, Pardiñas) ou en Fisterra. Nesta última vila, o cura Domingo Miñones Barros, e o médico Desiderio Paz Figueroa, ambos de Corcubión, delataban a posición dos convois aliados a través dunha estación de radio facilitada polos alemáns. «A guerra submarina, o exilio, o racismo, o militarismo e o nacionalismo patrioteiro, o carto que a todos emporca. O contrabando e a corrupción da política e a administración no medio dun mundo cruel e en decadencia» son algunhas claves da obra segundo o autor, que fai unha «historia novelada», dando unha segunda vida a un submarino real, uns meses de prolongación da súa suposta desaparición.

O U-49 real era do tipo U-43, construído no estaleiro Kaiserliche Werft, Danzig (Werk 27) por orden 4 agosto 1914. Botado o 26-11-1915. Comisionado o 31 maio de 1916. Comandante: Richard Hartmann, ente o 31 maio 1916-11 setembro 1917. Agora sabemos que o 11 de setembro do 1917 foi afundido por un mercante artillado tras levar por diante 39 barcos na súa andaina bélica. O autor indica que autoridades, comerciantes, veciños, axudaron a un e outro bando por razóns ideolóxicas, pero sobre todo comerciais, dentro dunha falsa neutralidade oficial que converteron a España na fábrica de Francia, pero tamén nun apoio a guerra submarina alemá. E propiciaron o pulo da industria conserveira, alimentaria e mineira de Galicia, así como o medre dos estaleiros, serradoiros e a mercante.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,110SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos