Cinco autores participaron na presentación que contou cun recital poético.
“O Pico Sacro ten un magnetismo especial” manifestaba o escritor Xosé Manuel Lobato na presentación desta obra que tivo lugar na libraría Ler de Santa Comba. Un volume que leva unha ducia de presentacións e no que “están os grandes da nosa literatura”.
As palabras de Lobato, que informaba que neste lugar “podedes ver bailar o sol unha vez ao ano”, foron completadas coa intervención de Miro Villar. Despois chegou un recital poético no que tamén participaron Fernández Abella, Henrique Neira e Diana Pastoriza, que deixou ben claro que estaba na súa casa, en Santa Comba.
Escaparate con poesía visual
Ningún dos autores pasou por alto o escaparate de poesía visual habilitado na entrada, feito polos alumnos de 4ºB do CEIP Barrié de la Maza. No acto estaba presente o profesor encargado deste curso, Fernando Pintos. Entre os asistentes ao acto tamén estaba o concelleiro José Antonio Ucha.
“Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda”(Alvarellos editora) acolle textos de noventa autores, e foi promovido pola asociación mestre Manuel Gacio.