2.5 C
Santa Comba
jueves, enero 16, 2025

«A batalla do Ebro» de Lema Otero unha das grandes obras da pintura bélica

Rafael Lema.

Batalla do Ebro- Wikipedia

O pintor de Borneiro, en Cabana, Manuel Lema Otero nunca se imaxinou que o seu cadro «A batalla do Ebro» ía gañar o primeiro premio nacional de pintura naif da Fundación Barrié no 1982. É unha obra chea de verdade, autobiográfica, dun soldado pintor que viviu a batalla máis célebre e trascendente da nosa cruel guerra civil, no 1938, fai agora 80 anos. Pódese dicir que naquel tráxico ano naceu un dos cadros bélicos máis importantes da arte galega e tamén da nacional, onde entra no decálogo de grandes obras de estilo naif. Ninguén tratou ese suceso dese xeito, hai autores que recrearon escenas de «oidas».

Pero Manolo do Monte estaba alí, presente, testemuña e actor dun anaco da nosa historia, non pinta sobre unha postal ou xornal, o que revaloriza a obra, feita por un protagonista directo dos feitos; gardou nas pálpebras a anguria ata que os tempos foron chegados e puido expresarse con liberdade, cando se sentiu dono da técnica e con tempo, entregado a unha paixón de madurez, xa retirado. Lema recibiu no 82 o premio de 200.000 pesetas de mans da condesa de Fenosa, diante dun prestixioso xurado: Xosé Filgueira Valverde, Juan Antonio Vallejo Nájera, Xosé Castro Arines, Gerardo Rueda e Juan Ramírez de Lucas. Non é un cadro belicista, nin moito menos, e o tema e a ollada eran sen dúbida especiais naqueles anos da transición. O autor creou a obra no 1980. Ao certame concorreran 575 obras, e Lema venceu, ademais de incluir outras dúas pezas na final.

Para Vallejo Nájera o cadro está «entre os 12 mellores naif de España nun museu inxenuísta«. Di de Lema que é un inxenuista total, «auténticamente orixinal, inventa a pintura», recalcando que é «orixinal e libre na súa exposición». Ezequiel Pérez Montes na súa crítica en El Ideal Gallego fala da «Visión deslumbrante e apocalíptica dos horrores da guerra. Sobre os esqueletos, aos que acoden moscas azuis, levántase un remuiño. As campás do ceo e da terra repican entre nubes invadidas polas cores da batalla».

Lema di que fixo a obra en dous sábados e dous domingos, pero como excombatente ía na súa cabeza desde facía décadas: «yo tenía la sangre y el recuerdo en la garganta y lo único que hice fue ponerlo en el cartón…y pinté lo que recuerdo como el primer día». Fixo a batalla do Ebro na primera liña, como camilleiro de Sanidade no cruento sector do Segre, ao carón doutro destacado actor do seu tempo, o soldado Méndez de Vimianzo, -condecorado héroe logo da División Azul en Leningrado-, vivindo unha auténtica matanza, premiado coa medalla Sufrimientos por la Patria. Fixo toda a guerra civil, e explica: «estuve en la toma de Madrid y en Barcelona, me hirieron dos veces, en la mandíbula y en los dientes», por iso quería empregar os cartos do de premio en arranxar a casa e os dentes.

O autor recrea os tres meses de batalla, o desastre visto, «árbores sen pólas e en cada unha un anaco de brazo ou de perna. Rapaces de 14 anos coa cabeza atravesada por un balazo. Fotos de nais e de pais empapadas de sangue e nas mans de moribundos». Dúas grandes columnas de lume ascenden cara aos ceos, e do negro fume dunha nace un monolito de cinza onde o artista resume a súa mensaxe: «Han sonado las campanas del cielo y de la tierra» pero os homes non as escoitaron, nun «tiempo de terror, angustia y muerte«, por iso pide que gobernantes e pobo vivan o tempo novo da paz e «Dios nos aparte a toda la humanidad de otra guerra como esta que duró 90 días y 90 noches». Dous grupos de oito campás da cor das laradas e das árbores calcinadas tocan arrebatadas nunha imaxe en movemento de gran impacto, a carón da cincento monolito, no centro visual do lenzo.

Todo avanza mecánicamente deixando una estela de destrucción e morte: as nubes, os soldados coa vista fixa, os tanques, tres negros corvos ao unísono. Outro máis baixa e pilla a man dun cadáver. As nubes altas e medias levan tormentas no interior escuro, as máis baixas colleron a cor marela do edifico destruido e as vermellas das árbores e carros de combate ardendo. Sobre os escasos anacos verdes do campo so hai esqueletes, mortos vellos. Na outra beira do río, onde so chegaron as bombas, hai corpos recén mortos, ao igual que nun camión volcado cos restos da batalla: ametralladoras abandonadas, catro pinos que mudaron as follas por anacos de carne e guerreiras ensanguentadas.

Unha ponte de pedra derrubada foi sustituida por unha das famosas pontellas de barcas do combate, á que xe dirixen homes e máquinas para proseguir a cronoloxía da acción neste cadro en movemento. Dous elementos da biografía do autor aparecen na parte inferior esquerda. Un edificio en ruinas; e o hospital de campaña ateigado de feridos sangrando erguido a carón, rodeado de cascallos, madeiros, bloques esnaquizados.

No 2009 o seu cadro «O gran xuizo» participou na mostra de arte sacro da casa de cultura de Vimianzo, aos trinta anos da súa composición no 1979. No 2016 tras o Congreso de Escritores, no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate tivo lugar unha exposición de pintura naif no centenario do seu nacemento. No 1982 exhibiu por vez primeira a súa obra en público, no concurso de arte naif ou inxenuista da Fundación Barrié, na sala da delegación provincial de Cultura da Coruña. Logo pasou a mostra ao Museo de Pontevedra; aos museos de Vigo, Lugo e Ourense; ao Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. Participaría noutras cinco mostras en vida na provincia, e dúas máis póstumas no seu concello natal en 1994 e 1998.

Esta última a I Mostra de Creación Plástica da Asociación Neria, que cumpre en setembro vinte anos. No 1999, a Deputación da Coruña editou un catálogo sobre a súa vida e obra, da autoría de Xosé Manuel Varela. Manuel Lema Otero nado no 1916 en Borneiro-Cabana faleceu no 1991, na súa localidade natal. Como recorda Varela, «foi home de oficios: labrador, carpinteiro, encofrador, pintor, inventor, vendedor de pitos e pensos» e mesmo emigrante en Berna ou encofrador na central nuclear de Cofrentes. Manuel do Monte ou O home dos pitos eran os seus alcumes populares. Ademais era inventor, con patentes; creador da tella plana, a incubadora de pitos, un sistema de prevención de incendios e outro para escorrentar xabaríns. Desde neno, nos intres de lecer pintaba, una afeción da que poucos sabían na aldea ata que gañou o certame nacional con 65 anos.

Lema Otero ten moitas obras de carácter autobiográfico, onde fala da guerra civil, dos seus oficios, do mundo rural; ou dos seus traballos na excavación do castro de Borneiro, recreando utópicos cadros de celtismo. O amor, as escenas de parellas, sobre todo rodeadas do esplendor da natureza, marcada por fermosas árbores en flor. Outra liña é a de temática relixiosa, onde o pintor recrea iconas e cadros coñecidos, obxectos da súa devoción, ou ben imaxina escenas como o orixinal cado do xuizo final. «A última cea» ou «Adán e Eva» son pezas que poden entrar na listaxe de cadros relixiosos da pintura moderna do século pasado. O autor era profundamente relixioso e conservador, debecía en vida por «ir a Turín y descifrar el mito de la sábana santa». O Greco e Goya iluminan ao autor, que asemade amosou a súa querencia polo realismo, por Rubens e Murillo; polo comic, os tebeos do seu tempo.

Outra creación de Lema Otero

Coñecía os museos do Prado e do Louvre, admiraba aos grandes clásicos. A música de Bach e Beethoven. Sentimos nel o mundo onírico de Urbano Lugrís; a necesidade de contar historias, transcribir ao lenzo unha narrativa, dun autor que dicía estar «a favor da verdade da vida, da continuidade da tradición española e europea, da arte grega e romana e da arte cristiá»; mais innovando, porque «temos que ser orixinais, hai que facer cousas de novo» pintando «cousas que nunca foron vistas, pintadas». O autor empregaba o acrílico, acuarela, óleo, témpera; sobre lenzo e cartón sobre todo. Facía un traballo previo, con esbozos, mestura de pinturas; e dúas premisas: disfrutar do que fai e non ter presa.

Lema Suárez, Pérez Montes, Manolo Rodríguez, Manolo Costa, Xosé María Varela, Olga Viaño comentaron da súa obra. Otero Cebral tratouno e admirouno, fala da súa «elegancia, sobriedade, estilo propio, un home exemplar, claridade e viveza de recursos», estima del «a sinceridade da vida, a paixón da loita e a cordialidade ante os que o tiñan no seu ollar». Precedendo a antón mouzo gustaba de traballar os marcos, tallando laberintos e xeometrías. E usa texturas e xogos de luz en pezas como «Santa Compaña· moito antes das innovacións postmodernas. Chegou tarde a arte mais ficou na historia; deixou 56 creacións, tamén esculturas a caricaturas, malia a súa teima por ser ante todo un inventor.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,070SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos