Cumpríronse 25 anos do falecemento na parroquia de Lema(Carballo) do inesquecible Carlos O Xestal.
O pasado 4 de xaneiro cumpríronse 25 anos do falecemento de Carlos Díaz O Xestal, o contador de contos enxebre, o divulgador folclórico e o activista cultural que conectou coa comarca de Bergantiños.
E nela viviu, en O Seixo(Lema). E os seus restos repousan no cemiterio parroquial de Razo. Un home moi popular que chegou a recibir a Medalla ao Mérito Turístico en 1964. En moitos fogares galegos entre os anos 60 e 80 era frecuente ver un vinilo ou casete do Xestal. Os seus “ Contos galegos” ou “ Contos que van para a feira” circulaban con éxito. Tamén eran moi seguidas as súas actuacións radiofónicas e os seus directos.
Era un humorista comprometido co folclore da súa terra, participando en distintas agrupacións e fundando colectivos como o coro Aires de Bergantiños. “Levaba malleiras de pequeno por perderme detrás dos gaiteiros” contaba O Xestal nunha entrevista; nunha frase que recollía ben a súa paixón pola nosa música tradicional.
Tamén demostrou o seu compromiso cos movementos sociais da comarca, coas mobilizacións en defensa da lagoa de Baldaio. En 2009, en declaracións ao portal Anosacosta, o actor e monologuista Cándido Pazó reivindicaba a súa figura e lembraba que “sendo pequeno con oito anos, xa escoitaba repetidamente un vinilo de Carlos O Xestal, que me tiña fascinado”. En 2010, a asociación Lumieira organizou unha homenaxe en Carballo e en 2013, celebrouse outra na mesma localidade para conmemorar as dúas décadas do seu falecemento.
Agora que se cumpren 25 anos da súa partida, e grazas ao recordatorio dun lector, queremos dedicar estas liñas e un sorriso para reivindicar a memoria deste artista da ironía e a retranca galaica, que tanto fixo rir a moitísimas persoas e tanto amor profesou polas tradicións deste noso país.