Rafael Lema
Neste 2017 cúmprense 145 anos do nacemento do poeta Pepe de Xan Baña en Varilongo-Santa Comba. Coñecía a Xosé Baña Pose polas referencias dadas polo meu amigo Pepe Landeira, fai trinta anos, e escoitei daquela algúns dos seus versos a modo de regueifa popular recitadas por unha veterana señora xalleira.
Outros xalleiros como Pepe Toja ou Anxo e Suso Quintáns tamén me falaran del, con orgullo; pero non había libros seus, só algunhas das súas coplas eran recordadas polos máis vellos, e seica uns familiares gardaban unha copia da súa obra.
En fin, era máis un mito, un regueifeiro popular, que unha figura a recoñecer e estudar. Un día, unha década despois, un anticuario do meu pobo amosoume uns candís de carburo no seu pendello e entón fitei un saco de plástico con xornais vellos e papeis. Era o refugallo da limpeza dun faiado e ían para a queima. Remexín un pouco por se había algo de valia, apañei unha ducia de xornais e no medio había un libriño coas tapas dun papel acartoado e marelo.
Non tiña título nin aparecía nome do autor, pero vin con sorpresa que eran versos en galego nunha edición da primeira metade do século XX. Boteino entre os xornais, sen que o veciño notara o meu interese, para que non pensara que era un tesouro e me pedise unha morea de cartos. En fin, díxome que lle dera 500 pesetas polo candil de carburo e polos xornais e marchei.
Na casa comprobei que o libro repetía a palabra «Este son eu», era dun autor da zona emigrante en Cuba, e nomeaba Santa Comba, Varilongo, Agualada, Zas, Carballo. Tiña as fotos de Xosé Baña Pose, Curros Enríquez. Nunha esqueliña dicía «estes bens son meus e pr'os meus fillos. Terá un preito o que m' asoballe. Pepe de Xan Baña«.
Entón recordei o nome dese poeta popular de Santa Comba do que me falaran, era un libro del, ese que tanto buscaban Pepe Landeira, Toja, os Quintáns. E a eles foi aos primeiros aos que lle amosei o achádego, que levei un día a un acto na casa de cultura de Santa Comba, na presentación dunha novela miña. «Douche 70.000 pesetas por el» díxome Pepe Toja; pensei que fora un bo choio, porque ben pouco me costara todo o lote, pero o caso é que segue na miña biblioteca.
Nestes anos foi o único libro orixinal do autor dado a coñecer, do resto da súa obra só hai un facho de fotocopias nas mans dun parente. Nalgúns traballos críticos atácase ao autor, como vulgar, pouco ilustrado, sen mérito; sen ter en conta que é un escritor «popular adrede», nunha lingua aínda sen gramática nin normas oficiais, como foron Curros, Pondal, Rosalía. Lonxe diso, o poeta era un activo membro da cultura, do xornalismo e do movemento educativo na emigración galega en Cuba. Mestre, xornalista, activista, secretario de Curros, colaborador de ilustres galeguistas como José López ou Nicolás Rivero. Delegado do Sindicato Católico cubano «para levar a cabo en Santa Comba unha campaña pública de acción social, política e instrucción modernas por medio de conferencias libres» como apunta no meu libro o autor, unha obra editada no 1922.
O citado exemplar debe ter unha historia interesante de seu, pois todo parece que foi requisado polas autoridades franquistas a un mestre, posiblemente procedente da biblioteca do Sindicato de Oficios Varios da CNT de Ponte do Porto. Así o acredita un cuño na cara interior da portada cun «Arriba España» e un nome borroso B. Lema García Valiño.
O uso do galego na súa obra xa é un mérito engadido nunha época de recuperación literaria da nosa lingua, sen normativa ortográfica fixada. El mesmo comenta que usa «lenguaxe propio de Xallas de Castris…hastra que a Academia Gallega resolva, ninguén ten dereito a parolar». Quere usar a lingua popular, coas formas da súa terra, para achegarse ao pobo, na súa maior parte analfabeto, dentro dun programa de acción educativa, a mesma que ergue antes da guerra tantas escolas no rural con cartos da nosa emigración cubana, arxentina.
Ademáis, e en boa parte tendo como referencia a Curros, quere facelo coa poesía popular que a xente entende, recuperando os vellos romances e cantos de cego, creando un xénero que el chama «a historia». En fin, son moitos os valores dun poeta a reivindicar.
No 2004 prestei o meu libro que foi reeditado por Ler Librerías e fixen o prólogo da edición. Anteriormente Manolo Froxán e Ramón Ferreiro recuperaron ao autor cun libro que recollía a súa obra e biografía. Así recuperamos xa neste século os seus versos, que chegaron a moitas casas de Santa Comba e da comarca, pois nos concellos da volta tamén era moi recordado.