O venres 4 e sábado 5 de agosto nova edición da Festa da Carballeira de Zas.
Presentación da Festa da Carballeira
A trixésimo cuarta edición da Festa da Carballeira de Zas foi presentada este martes 13 de xuño na Coruña, nun acto que contou coa presenza da Vicepresidenta e responsable da área de cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, e de Óscar Lema, tenente de alcalde de Zas, Manuel García Velo, concelleiro de cultura de Zas, Fidel Otero, director do festival e representante a A.C. Castro Meda e Víctor Mantiñán, Brand Manager de SON Estrella Galicia.
Goretti Sanmartín destacou “o valor singular desta Festa, por ser celebrada nunha Carballeira, xa que o carballo simboliza a esencia de ser galego”. A Festa da Carballeira terá lugar o 4 e o 5 de agosto. O sábado pola tarde o evento está pensado para maiores pequenos e haberá zonas de gastronomía, espazo lúdico infantil, feira de artesanía e distintas actuacións. Tamén haberá unha sesión vermú con Cé Orquestra Pantasma, Fanfarria Taquikardia, e Dequenvessendo.
Oito bandas en dúas noites de folk
No aspecto musical, o venres actuará a banda finlandesa de folk-metal Korpiklaani, que compartirá escenario coa lendaria banda bretona Gwendal, que leva tocando desde o ano 72, e con Pan de Capazo e Os Fillos do Estramonio. O domingo será a quenda para outra formación histórica da chamada música celta, Milladoiro. Tamén actuarán os irlandeses Moxie, o grupo andaluz Rare Folk e os galegos Radio Cos.
A entradas para as dúas xornadas poden mercarse xa e ata o 4 de xullo a un prezo reducido de 12 euros. Logo custarán 15 euros. Tamén se poden adquirir entradas individuais a través da plataforma Ticketea. A Festa da Carballeira de Zas conta con zona de acampada de balde. O ano pasado a asistencia superou as previsións polo que este ano tamén se agarda unha afluencia masiva de xente.