Este vindeiro sábado, música de bar en bar en Mazaricos con Pasabares 17.
A localidade da Picota encherase este vindeiro sábado 22 de abril de sons tradicionais dentro da iniciativa “Pasabares 17” promovida pola asociación de Amas de Casa de Mazaricos en colaboración co concello.
A partir das cinco do serán varios grupos de música tradicional percorrerán os bares da capital municipal. Petaforte, O Verán, Os Cabaços, Os Campantes, Os Sentenarios, Os Candainas, As Pandereteiras do Liceo de Noia e Entra ofrecerán a súa música nos seguintes establecementos: Parrillada California, Pizzería O Vinculeiro, Restaurante Casa Jurjo, Restaurante Efe Eme, Café-Bar Alborada, Restaurante Verxel, e Asador Manduca.
E as 11 da noite haberá un concerto con Os da Porfía, Tres Pesos e Os Faíscas da Pontraga. Haberá sorteos entre o público. O obxectivo da actividade é a difusión da música da terra.
A presidenta da Asociación, Laura Prado afirma que “é importante que o asociacionismo leve a cabo actividades para dinamizar o Concello e iso é o que vimos facendo as Amas de Casa desde sempre”. Por outra banda subliñou que “decidimos facer o Pasabares porque cremos que é un xeito dinámico de achegar a música tradicional á veciñanza”.