Relatores de primeiro nivel e moito público no coloquio organizado por Ler Librerías en Santa Comba.
Xosé Manuel Lema
Éxito total do foro “Voces de éxito. Consellos de futuro”. O local de Ler Librerías en Santa Comba quedouse pequeno, e moita xente tivo que seguir de pe as distintas intervencións.
Experiencias e consellos para un auditorio con moita xente nova que escoitou con atención a todos os relatores. Despois dun aperitivo musical con esa fantástica banda de rock chamada Gran Soul Band, e da presentación a cargo de Isabel Ares chegaron as intervencións de Esther Ferreiro, Beatriz Rey Mourelle, Carmen Parafita(vía Skype), Jorge Mira e Ángel Carracedo.
Cultura do esforzo e busca da felicidade
A mensaxe quedou clara. Unha homenaxe á cultura do esforzo e unha invitación a buscar a felicidade a través da formación e do traballo. Hai que tentar ser feliz pero tamén como dixo o físico e divulgador Jorge Mira “hai que dedicarlle moitas horas”.
Unha frase do Catedrático de Medicina Legal e ilustre xalleiro, Ángel Carracedo, podería resumir todo:”Non deixedes de pelexar polos vosos soños”. Coma os demais convidados, Carracedo contou a súa propia experiencia pero tamén lanzou algunhas críticas contra os modelos actuais:”O actual sistema educativo mata á curiosidade”.
Sen dúbida un foro de altura que deixou un excelente sabor de boca aos asistentes.Entre o público, estaba a alcaldesa de Santa Comba, María Pose Rodríguez e o xefe da oposición, José Antonio Ucha Velo.
“Crónica marítima” e “Baos”
A programación cultural de Ler Librerías continúa o vindeiro venres 10 de marzo cunha dobre presentación literaria, a do libro “Costa da Morte. Crónica marítima” de Rafael Lema e a de “Baos” de Natalia Lema Otero.
Tanto Rafael Lema Mouzo coma Natalia Lema Otero son activos membros da redacción de Adiante Galicia e Anosacosta.