10.6 C
Santa Comba
lunes, abril 8, 2024

Na procura do Galo-ween

//Rafael Lema Mouzo//

Nas escolas de Galicia nos últimos anos fóronse implantando nestas datas as modas do Samaín e o Halloween, con bastante éxito pola súa faceta festiva e tamén polo apoio mediático chegado das referencias da cultura anglosaxona. 

Detrás desta antroidada fúnebre e contaminación cultural allea podemos achar pegadas antropolóxicas nativas, un xeito de «galo-guín» noso. Cando era neno só sabiamos do Samaín polas películas americanas e os debuxos animados, pero de cando en vez colliamos unha cabaza da horta para furar coa navalliña imitando algún telefilme de terror. Con todo, a cultura da morte está moi presente en Galicia e na nosa comarca, sendo a base máis importante da nosa relixiosidade. 

Presentes aínda temos os vellos cemiterios no adro das igrexas, convivindo así a vida e a morte mesturadas no centro das parroquias. O vello campanario exento da igrexa parroquial de A Grixa, na Ponte do Porto, está decorado cunha curiosa pedra lavrada dos defuntiños ardendo no inferno, magnífico e grandioso peto de ánimas elevado nunha atalaia que domina cinco campanarios, nun lugar tamén recoñecible polas súas historias de aparecidos, entre eles nada menos que san Pedro. 

Neste culto aos mortos do noso peculiar cristianismo galaico é onde podemos ver elementos semellantes aos do Samaín de raíz irlandesa, rasgos precristianos da irmandade céltica atlántica, onde Galicia non é estrema senón cerna. Por iso neste ía tan sinalado intento apañar recordos da memoria oral dos nosos vellos, escoitados de neno na cociña familiar nas noites de defuntos, alumiados co fanal dalgún estudo de antropoloxía. Recordo que a miña avoa dicía que sendo nena este tempo de santos e defuntos era aproveitado polos maiores para contar contos de medo, sobre todo de aparicións e de roldas ou compañas. E por iso algúns mozos facían con nabos cabezas humanas que colocaban nos valados para meterlle medo a xente, sobre todo aos que acababan de saír dun destes seráns de contacontos negros, co corazón nun puño. Prendían tizóns de lume ou mudaban os espantallos de sitio tamen con este fin. 

Por este tempo os defuntiños baixaban a quentarse na lareira en forma de abellas, que daban boa sorte e non se podían matar. Era un tempo de luces a modo de velliñas polos lugares, de lumes e velas en carreiros, solainas, fiestras, petos. Nas casas seguimos conservando o uso de colocar velas vemellas en recordo dos defuntos, unha por cada morto da casa. As aparicións de defuntos, sentados a fumar enriba dun valado e saudando coa man, ou de ringleiras de luces nos camiños, eran máis frecuentes nese tempo, e non se podía ir a certas eiras ou recunchos do río onde había encantos ou tiñan acontecido lendas contadas en varias versións, onde sempre gañaban os seres do outro mundo. 

Agora recordo unha historia que lle escoitei a tía da miña avoa paterna tendo eu uns oito anos, contando así cousas de fai un século. Seica por este tempo os nenos tamén ian pedir polas portas, castañas ou broa, recitando cadras como «esta casa cheira a broa porque vive xente boa». Supoño que irían axeitados como «pándigos» e tarugos esmolantes. En fin, as intensas visitas e engalanamentos nos cemiterios, os magostos, as queimadas, son parte deste arraigado culto. As cabazas e melóns non teñen moita tradición de cultivo na nosa terra, e foron os nabos na área céltica os primeiros candidatos en servir de lámpadas ténebres no Samaín; mundando o primitivo uso de caveiras humanas.

O cambio da estación, a chegada do inverno relacionado coa morte da luz, son marcas das culturas tradicionais agrarias. En fin, benvida sexa esta recuperación do Samaín que tanto apego está tendo na rapazada, sempre que se aproveite para rabuñar nas fendas da nosa memoria e para a recuperación das nosas tradicións máis senlleiras, que non precisan a contaminación allea para amosar a súa grandeza e valía. 

@AdianteGalicia

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos