A agrupación de Compromiso por Galicia no concello da Baña presentou unha moción para que se acorde homenaxear ao intelectual galeguista nado neste municipio. A mesma será debatida no pleno previsto para o vindeiro 30 de setembro.
Fillo predilecto, homenaxe e nome para o colexio
O concelleiro César Ramos defenderá a proposta na que se solicita que se nomee a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto do concello, que se promova unha homenaxe pública “como mostra de agradecemento e admiración”e que se inicien os trámites para poñerlle o seu nome ao “CPI de San Vicente”.
Os dirixentes de Compromiso xa están mantendo contactos co colectivos de profesores e de pais e nais de alumnos do colexio e tamén con distintos persoeiros da cultura galega que apoian esta iniciativa.
“A Baña debe respectar a memoria das nosas personalidades”
“A Baña debe respectar a memoria das nosas personalidades máis ilustres e homenaxear como merece dunha vez a figura de Avelino, galeguista bañense que dedicou toda unha vida á defensa da lingua e da cultura galega e que sempre transmitiu con orgullo o feito de nacer no noso Concello” manifesta o secretario de organización de CxG neste concello, David Gontán.
Desde Compromiso por Galicia lembran que se cumpriu o terceiro cabodano do pasamento deste veciño da parroquia da Barcala, e que concellos como Teo ou Negreira organizaron respectivas homenaxes sen que asistira “ningún representante da xunta de goberno local da Baña” o que segundo o partido galeguista transmite “a idea de que A Baña non respecta a memoria de ilustres personalidades nadas no propio concello”.
FOTO-EL IDEAL GALLEGO