10.9 C
Santa Comba
sábado, marzo 23, 2024

Manuel María, o poeta ferido de terra adentro

O nomeamento do poeta Manuel María como homenaxeado no Día das Letras do ano vindeiro sen dúbida é unha boa nova para a literatura galega e un acto de recoñecemento a un home entrañable e merecente do mesmo. Eu estimo ao autor sobre todo polo seu verso limpo pero cheo de verdade e de amor ao seu, a lingua e a terra dos seus.

Rafael Lema

Un home comprometido, pero que incorpora ao verso a mitoloxía, o campo, a etnografía, sobre un remorso existencial e esencial de humanismo que vai desde as súas primeiras as últimas orbas. A poesía popular, o canto da terra e dos seus veciños sae puro en metro clásico e ritma cotián para encontrar cantores e músicos que lle dan a dimensión difusora tan buscada por tantos e obtida por el desde o inicio. E autor de ensaio, narrativa, teatro. Tamén un dos poetas mais cantados, queridos, coñecidos.

Ten unha obra moi extensa, por iso non toda conta coa mesma valía, intensidade. Pero unha antoloxía poética deixanos claro que estamos ante un dos grandes das nosas letras, unha figura ética e literaria, que para moitos significou un mestre vivo que nos xunguía a trabe das xeracións anteriores, da etapa escura dos que loitaron nun tempo de silencio por manter a chama da tribu oestrimnia. Eu tiven a sorte de coñecer ao Manuel María da «Antoloxía Poética» publicada en Espiral Maior no 1993, de estar presente nalgunhas das presentacións, en sentar nunha reducida mesa de catro ou cinco compañeiros co vate e a súa dona falando e falando no Semáforo de Fisterra toda unha tarde, co solpor sobre o Centulo. Recomendo de toda a súa obra obra este libro, como espello da alma do poeta, a parte para min de mais interese xunto a mesma figura senlleira deste humanista do século pasado, onde deixou o mellor de si, e que seguiu nos últimos anos iluminando aos novos co seu facho aceso.

Coñecín tamén ao Manuel Maria de «Camiños de luz e sombra» (2000) e ao que na crise do Prestige nos acompañou como o Merlín tribal reclamante do espíritu da dea ancestral, da raiña da soberanía da nai terra ferida polos camiños do soño. No 2002 aínda ven o mestre a Fisterra a deixar pegada, a espantar as brétemas coa súa voz rouca, ferida de dignidade, atravesada pola fondura da mirada limpa dos bos e xenerosos. De novo o poeta humanista destapouse por enriba de todos no ciclo Aulas no Camiño, a peregrinación na que vinte alumnos da Facultade de Humanidades de Ferrol tras varias etapas remataban en Fisterra. A base de poesía no faro de Fisterra acabaron a combate de versos contra o mar. O poeta da Terra Cha co cabelo branco das bansees penitentes entregou a ofreza dos seus versos ao océano indómito como unha despedida onde todo naceu.

Un home de terra adentro, un labrego da palabra ferido pola derradeira luz. Xosé Alberte Moure, Xosé Leira, Rosa Méndez e Alexandre Nerium estaban ese día a carón del, recitando, que para iso -sobre todo e ante todo- foron chamados os poetas e é o que mellor saben facer. O ano que ven Galicia enteira o acompaña mentres cantan as rodas do carro das estrelas na calzada do ceo que o acolle.

FOTO- ARQUIVO AELG

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos