O presidente de Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira exporá diante da ONU, distintos casos de discriminación do idioma galego.
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciará este mércores diante da ONU a discriminación do galego e dos outros idiomas, que diferentes ao español, conviven no estado, relatando “un amplo número de casos concretos”.Será na sesión da “Revisión Periódica Universal das Nacións Unidas” que se desenvolverá en Xenebra(Suiza). Nela participará o presidente da Mesa, Marcos Maceira, como membro dunha delegación da ELEN (European Language Equality Network), que xunto Galicia, terá a representantes de Cataluña e a comunidade de Valencia.
Maceira relatará casos acontecidos entre 2012 e 2013: Retrasos en operacións por solicitar a autorización en lingua galega, denegacións de bolsas predoutorais por presentar o título universitario en galego ou ameazas en oposicións por utilizar o noso idioma. Tamén se dará conta, dos “retrocesos a respecto da oficialidade do galego”.
“A discriminación por razóns lingüísticas é un ataque aos dereitos humanos e son indicativos dunha visión de supremacismo lingüístico que se está a reforzar nos últimos tempos, e en Galiza promovida por un goberno que ademais ten a obriga legal de defender o galego. Con esta denuncia estamos a defender o dereito ao uso con absoluta normalidade da lingua propia”, indicou o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística tal e como se recolle na web da entidade.
Para o seu presidente, Marcos Maceira, “é lamentábel que aínda se produzan situacións como as que se denunciarán perante a ONU e que sexan entidades como A Mesa quen actúen para estes casos sexan coñecidos pola comunidade internacional”.