O Concello de Zas opónse á decisión do Instituto Nacional de Estatística (INE) de fusionar as mesas electorais da parroquia de Muíño e da localidade de Pudenza para as eleccións xerais do 29 de novembro, o que implicaría a desaparición da primeira.
Segundo informa o Concello, a medida responde a que a cifra de electores, 190, non alcanza o mínimo de 200 que establece a Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
O responsable do Censo Electoral e do Padrón do INE trasladou ao Goberno local o pasado luns a necesidade de presentar unha proposta para resolver a situación. O Executivo municipal indica que coñece a normativa, mais sinala que a diferenza é de 10 persoas e que, nun municipio de menos de 5.000 habitantes, envellecido e eminentemente rural, a medida podería condicionar o acceso ao voto da veciñanza.
«A normativa non está pensada para os concellos pequenos»
O alcalde, Manuel Muíño, afirma nun comunicado remitido ao INE que “a poboación do Concello, e de toda Galicia, é moi dispersa e as comunicacións dispoñen dunha infraestrutura viaria difícil, tanto pola súa orografía como polas condicións meteorolóxicas que se agardan na data das eleccións, dificultando o transporte dos colectivos de maior idade”. Engade que “de eliminarse a mesa, aumentaría a abstención”.
Muíño sostén tamén que “a normativa non está pensada para os concellos pequenos nin para os concellos galegos”.
O Goberno local defende o dereito ao voto e propón manter nas vindeiras eleccións todas as mesas existentes na última xornada electoral, sen fusións. Así mesmo, advirte de que esgotará “todas as medidas legais que se estimen oportunas” para conservar as mesas de Muíño e Pudenza.



