O alcalde de Dumbría, Raúl González, fixo balance da xestión do seu goberno nunha entrevista en Radio Xallas, e asegurou que se están cumprindo todos os obxectivos marcados ao inicio do mandato e avanzou que ten pensado optar á reelección.
”Estou contento co traballo que fixemos pero os veciños dirán se aprobamos”, afirmou, anunciando que “teño pensado presentarme á reelección”, sempre que os seus compañeiros do PSOE lle dean a confianza.
Entrevista en Radio Xallas ao alcalde de Dumbría
González cualificou de «contraproducente» deixar as obras para o final do mandato e pensa que a xente valora o conxunto, non as obras de última hora, se ben a tramitación burocrática atrasa algunhas actuacións: “Temos uns dous millóns de euros de investimento pendente de poñer en marcha”.
Entre os proxectos, citou o Punto de Atención á Infancia de Berdeogas e que se desbloqueara a estrada do Hospital a Brens, que conecta tres parroquias.

Críticas á Xunta polo canon eólico
O alcalde criticou o reparto do canon eólico. Sobre a compensación recibida, afirmou: «Dannos unha cuarta parte do que nos corresponde. E iso non é xusto.» Engadiu: «penso que deberíamos recibir polo menos o 50%».
Sobre unha planta de carbón vexetal posta en marcha no municipio por Xeal, explicou que, ao ser declarada proxecto industrial estratéxico, o concello deixa de ingresar pola licenza de obra, un millón de euros.
O Ézaro, punto icónico do concello
O rexedor referiuse á apertura da nova pasarela de madeira de acceso á Fervenza e destacou o aumento continuo de visitantes, reforzado coas distintas actividades promovidas desde o concello.
Outra das grandes novas dos últimos meses é o proxecto de turismo científico do Monte Pindo, no que participan Carnota, Mazaricos e Dumbría, con sinalización e paneis QR, da que a contratación está a piques de saír.

As vítimas da silicose
González manifestou a intención de impulsar un acto de recoñecemento ás vítimas da silicose, que situou en preto de 150 persoas no concello, e relatou que as obras dos túneles comezaron en 1947 sen medidas de seguridade.
Sobre o seu caso, dixo: «meu pai morreu de silicose no ano 66». Non foi un caso illado.
Informou de que Braulio Pérez Astray está preparando un libro sobre esta traxedia que golpeou moitas familias. Precisamente, o autor é fillo do doutor Manuel Pérez Maroño, un médico e valedor de moitos afectados.
Prevé que o acto coincida coa presentación dun libro de Braulio Pérez e coa inauguración dunha escultura.




[…] Raúl González: «Estou contento co traballo, pero os veciños dirán se aprobamos» […]