O Concello de Coristanco vén de dar un impulso á súa rede de infraestruturas veciñais co inicio das obras do novo local social de Santa Baia-Castro e a conclusión dos traballos de mellora en nove centros sociais espallados polo municipio. En conxunto, ambas as actuacións mobilizan un investimento que supera os 445.000 euros co apoio da Deputación da Coruña.
Unha edificación eficiente e sostible en Santa Baia-Castro
As obras do novo local social de Santa Baia-Castro arrincaron cos traballos previos de acondicionamento do terreo e a construción da plataforma sobre a que se instalarán os módulos de madeira que conformarán o inmoble.
A nova instalación contará cunha superficie de 100 metros cadrados e deseñouse baixo criterios de alta eficiencia enerxética e baixa pegada de carbono, ademais de incorporar sistemas de xeración de enerxía renovable.
O proxecto dispón dun orzamento total de 265.649,22 euros, dos cales 221.602 euros son achegados pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS+ 2024).

Punta a punto en nove centros sociais do municipio
De xeito paralelo, o Concello completou xa as obras de restauración e acondicionamento nos locais sociais de Cereo, Valenza, Xaviña, Seavia, Oca, Rececinde, Agualada, Cuns e Couso.
Estas instalacións presentaban deficiencias derivadas do paso do tempo, polo que a intervención serviu para remedialas e adaptalas á normativa vixente en materia de accesibilidade e eficiencia enerxética. Esta actuación contou cun investimento de 162.708,70 euros, financiado con cargo ao POS+ 2025 da Deputación da Coruña.
Acondicionamento acústico en Oca para o baile dos maiores
Á marxe destas obras, o Concello de Coristanco atópase executando un proxecto específico para mellorar a acústica do local social de Oca, cun investimento superior aos 18.000 euros.
Esta mellora ten como obxectivo acondicionar o espazo para acoller actuacións musicais e dar un mellor servizo á actividade de baile para persoas maiores, que se desenvolve con gran éxito de participación todos os sábados desde o mes de outubro.



