Imaxe portada- Danza de Arcos, un dos alicientes históricos das Festas do Carme
A corporación local de Camariñas acordou por unanimidade, solicitar a Declaración de Festa de Interese Turístico para o Carme de Camariñas. PP e BNG respaldaron a proposta do goberno do PSOE, que para a alcaldesa Sandra Insua ten un “profundo significado e de xustiza coa nosa historia, o noso patrimonio e o noso pobo”.

Sandra Insua: «Un día de especial relevancia»
Para a mandataria o venres foi “un día de especial relevancia para a nosa historia, recente e pasada, e quero agradecer a responsabilidade política de todos os grupos que integran a Corporación. O Carme de Camariñas merece estar coas celebracións máis grandes da nosa Comunidade Autónoma”.
A portavoz do PP, Paula Mouzo Mas, apoia a proposta pero pide máis “implicación” por parte do concello para conseguir o obxectivo: ““Non podemos permitir que durante as festas as rúas se convértan en orinais públicos. É necesario que o Goberno Local poña en marcha un servizo de limpeza, a colocación de baños e unha maior presenza de policía durante eses días”.
Conta Xeral 2025
Tamén se aprobou por unanimidade o plan de actuación municipal ante o risco de incendios forestais do Concello de Camariñas, elaborado por técnicos municipais cunha axuda da Xunta de Galicia.
Co abstención de PP e BNG deuse luz verde a un expediente de modificación de créditos de 95.000 euros, que segundo o goberno local “ten por obxectivo fundamental o reaxuste económico para dotar ás partidas requiridas (arrendamento de maquinaria,actuacións sectoriais e de mantemento, atencións protocolarias e outros gastos) dun reforzo económico, aproveitando a existencia de créditos suficientes noutras aplicacións”.
E tamén se aprobou a Conta Xeral do Concello de Camariñas correspondente ao exercicio 2025 que para o PSOE amosa “a solidez” da tesourería cun “superávit de 1.087.995,6 euros ,superior ao do exercicio anterior, que era de 837.235,86 euros”.

O PP fala de “grave descontrol financieiro”
Desde o Partido Popular, mediante un comunicado, aseguran que economía local de Camariñas está “moi tocada” e critican o “triunfalismo” do goberno local.
“O que de verdade asusta é o desaforro neto, que pasou de 958.000 euros en 2023 ao 1,7 millóns deste ano”, alertou Paula Mouzo Mas, quen explicou que isto significa que o Goberno Local gasta máis do que ingresa.
Os populares denunciaron tamén que o 30% das adxudicacións dun orzamentos de case 7 millóns de euros “sexan a dedo”, nun claro exemplo dun proceder “sen transparencia” e que acumula continuos reparos por parte de intervención.
Rogos e preguntas
A oposición plantexou diferentes cuestións. Xurxo Rodríguez Baña solicitou ao goberno local “que faga as xestións necesarias para acometer o arranxo da estrada principal de Camelle, cuxa titularidade é da Deputación da Coruña”.
O PP tamén trasladou varias demandas. Paula Mouzo incidiu na necesidade dun Punto Limpo Municipal, e denunciou deficiencias en Buría, Arou, Camelle ou Camariñas, pedindo o arranxo da estrada de Santa Mariña a Arou e Lobeiras e a posta en valor do lavadoiro de Tasaraño. O concelleiro popular de Ponte do Porto, Juan Carlos Amado, alertou de falta de alumeado na Grixa, deficiencias nas beirarrúas e a necesidade de limpeza dun camiño no Sixto.



