O BNG de Santa Comba esixiu este xoves ao goberno municipal que explique o estado da estrada que dá acceso á praia fluvial de San Salvador, unha actuación reclamada pola veciñanza desde hai case dúas décadas.
O portavoz nacionalista, Xoán David Sixto, sinalou que, tras o anuncio por parte do Concello de novos investimentos do POS+ en distintos puntos do rural, entre eles San Salvador, revisou o Perfil do Contratante sen atopar ningunha licitación que identifique especificamente o arranxo da vía.
Segundo indicou, existe unha licitación para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas en varias parroquias, incluída San Salvador, pero esta non recolle a estrada principal obxecto da reivindicación veciñal.
«18 anos de reivindicación veciñal, promesas incumpridas polos diferentes gobernos municipais e investimentos prometidos que nunca chegan», declarou Sixto.

O BNG lembrou que en 2008 se asinou un convenio cunha empresa eólica instalada na zona, que comprometía 200.000 euros para o arranxo da estrada, ademais dunha partida adicional de até 25.000 euros destinada á redacción do proxecto técnico. Segundo a formación nacionalista, ningunha destas dúas actuacións chegou a executarse.
A reivindicación veciñal rexistrou varios momentos de mobilización ao longo dos anos, con protestas en 2016, unha manifestación en 2020 e novas reclamacións en 2022.
O BNG apuntou tamén contradicións nas cifras manexadas ao longo do tempo sobre os fondos comprometidos: mentres en 2016 e 2018 se falaba de contías de entre 200.000 e 225.000 euros, segundo os nacionalistas a exalcaldesa María Pose afirmou en 2019, nun pleno municipal, que ao chegar ao goberno local atopara 145.000 euros dos 200.000 iniciais.
«Estas diferenzas fan aínda máis necesaria unha explicación documental, porque a veciñanza de San Salvador ten dereito a coñecer o destino dos fondos vencellados a unha obra que levan reclamando, con xustiza, desde hai anos», concluíu o portavoz do BNG.
A formación nacionalista reclama ao goberno municipal que precise que tramo se vai arranxar, con que orzamento e en que prazo.



