Néstor Rego denuncia o colapso da cita previa no INSS de Carballo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno central que adopte de forma urxente medidas para reforzar o persoal e os medios da oficina do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en Carballo, que dá servizo a máis de 120.000 persoas da localidade e da súa comarca. Segundo o BNG, a oficina funciona actualmente con menos da metade do cadro de persoal necesario, o que xera dificultades importantes para a veciñanza á hora de realizar trámites relacionados coa Seguridade Social.

A esta carencia de persoal súmase, segundo denuncia a formación nacionalista, o colapso do sistema de cita previa, que en moitos casos impide obter unha atención en prazo. Isto obriga a numerosas persoas a desprazarse a outras localidades para completar os seus trámites, ou a acudir ao rexistro do Concello de Carballo para presentar documentación ao non poder facelo directamente na oficina do INSS.

«Non é aceptábel que unha persoa que precisa realizar un trámite ante a Seguridade Social non poida ser atendida porque non consegue unha cita ou que teña que desprazarse decenas de quilómetros para poder exercer un dereito», afirmou Rego.

Reforzar de inmediato o cadro de persoal

O deputado esixiu ao Executivo reforzar de inmediato o cadro de persoal da oficina carballesa e resolver as deficiencias na recepción e rexistro de documentación, de xeito que a cidadanía poida presentar os seus escritos sen ter que recorrer a outras administracións.

«O Estado ten a obriga de garantir uns servizos públicos accesibles e de calidade. Non pode converter a falta de persoal e o colapso da cita previa nunha barreira para acceder ás prestacións e aos dereitos da Seguridade Social», engadiu Rego.

O BNG reclamou tamén recuperar unha atención presencial suficiente nas oficinas do INSS, para que a cita previa obrigatoria non se converta nun impedimento para quen necesita realizar xestións de forma presencial, unha demanda que, segundo o partido, xa formulou en reiteradas ocasións.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,270SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos