A escudería galega Xallas Motorsport, con sede en Santa Comba, logrou a terceira posición nas 24 Horas de Le Mans virtuais, disputadas na plataforma iRacing, na súa primeira participación nunha proba de resistencia deste nivel. O equipo, fundado por Manuel Muñiz, partiu da sexta posición na clasificación, marcada por José Calvin, e foi avanzando postos ao longo da carreira.
Na quinta posición xa rodaba o prototipo ao chegar á primeira parada en boxes. No terceiro stint, Francisco Javier Otero asinou unha dobre quenda que elevou ao equipo ata a cuarta posición, praza que Jorge Ibarra afianzou despois cun ritmo constante. Nico García debutou nunha proba de 24 horas mantendo esa posición fronte a rivais experimentados. José Calvin, tras outro dobre stint, conquistou a terceira praza, que o equipo defendeu preto de catro horas. María Montenegro tomou o relevo e despois debutou internacionalmente o búlgaro Borex Cholakov.

Xa de noite, Jorge Ibarra volveu ao volante e levou á escudería ata a segunda posición, mantida ata as 5:00 horas. Nese momento, un problema mecánico no prototipo obrigou a unha parada en boxes de seis minutos, o que fixo caer ao equipo á cuarta praza. José Calvin regresou á pista para recuperar o terceiro posto, e María Montenegro completou os últimos dous stints ata cruzar a liña de meta nesa posición.
Desde a dirección do equipo destacouse o labor do enxeñeiro Javier Sacristán, «Jasaca», no apoio desde o box durante toda a proba, así como o seguimento da afección a través das canles de Twitch Manuel_sdc e Malarkey_33. A carreira completa e o seu resumo poden verse na canle de Twitch Manuel_sdc.
Xallas Motorsport disputará a vindeira fin de semana os 1000 quilómetros de Suzuka, en Xapón, a súa seguinte cita internacional.



