A Asociación de Nais e Pais (ANPA) A Granxa, do CEIP Bergantiños de Carballo, reclamou ás autoridades educativas unha solución para a falta de prazas no comedor escolar do centro, un problema que, segundo denuncia a asociación, leva anos sen resolverse.
Segundo explica a ANPA nun comunicado, o colexio conta cunha matrícula de 575 alumnos e alumnas, de acordo cos datos do curso pasado, mais o servizo de comedor só dispón de 150 prazas, unha cifra que considera insuficiente para atender á comunidade educativa. Para o curso 2026-2027 quedaron en lista de agarda 40 nenos e nenas.
A situación agravouse, segundo a asociación, co cambio na normativa de acceso aos comedores escolares, que relega ao final da lista o alumnado escolarizado nun centro distinto ao que lle correspondería pola súa área de influencia. A ANPA sinala que, en moitos casos, esas familias optaron por outro colexio precisamente pola falta de comedor no centro de referencia por zona, maioritariamente o CEIP A Cristina, o que cualifica de «situación paradóxica e dificilmente xustificable».
A ANPA A Granxa afirma que «o problema radica na falta de vontade e compromiso para investir na educación pública» e pide ás autoridades que estuden a situación e adopten medidas para ampliar as prazas de comedor e favorecer a conciliación das familias afectadas. A asociación solicita, ademais, que o Concello de Carballo se implique na procura de solucións para este problema.



