O PSdeG-PSOE de Corcubión reclama que se investiguen os episodios de contaminación detectados na praia de Quenxe, despois de que unha nova analítica dese resultado positivo por Escherichia coli, cun valor de 1.652 NMP/100 ml na mostra tomada o 12 de agosto, segundo a información confirmada polos socialistas.
Os socialistas sinalaron que non se trata dun feito illado. Segundo a formación, en xullo rexistrouse xa outro episodio de E. coli na mesma praia, relacionado cun fallo nunha estación de bombeo próxima, e o 20 de xullo detectáronse enterococos intestinais.
Ante esta situación, o PSdeG-PSOE solicitou que o Concello de Corcubión, xunto con Augas de Corcubión e Cee, investigue a orixe destes episodios, revise a rede de saneamento e adopte medidas para evitar que se repitan.
«Tres episodios en poucas semanas esixen explicacións e solucións. Quenxe non pode quedar á espera da seguinte analítica», indicaron os socialistas.


