Muxía celebrará entre o 11 e o 14 de setembro a romaría da Virxe da Barca, unha das citas relixiosas e festivas máis concorridas da Costa da Morte e de Galicia. Os actos relixiosos comezarán antes, coa novena e as misas que se oficiarán do 3 ao 11 de setembro ás 9.00 e ás 19.00 horas.

Sés, 9Louro e grupo Bomba para comezar a festa
O venres 11 abrirá o programa ás 12.00 horas coa tirada de 21 bombas de palenque e pasarrúas, seguidas dunha sesión vermú a cargo do Grupo Bomba. Ese mesmo día instalarase o mercado da Deputación da Coruña «A paisaxe que sabe», no Cabo da Vila. Ás 20.00 horas terá lugar o pregón e, media hora despois, o concerto de Sés. Á medianoite actuará 9Louro e a verbena correrá a cargo da Grupo Bomba e o Disco Móbil Impacto.

Sábado con París de Noia e Fuego
O sábado 12 repetirase a tirada de bombas ao mediodía e celebraranse misas ás 11.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. A xornada completarase coa sesión vermú da Orquestra Fuego, o espectáculo de fogos de artificio ás 00.30 horas e a verbena con Fuego e París de Noia.

Los Satélites, Olympus, Magos e Escaparate
O domingo 13 arrancará ás 9.00 horas coa tirada de bombas e os pasarrúas con cabezudos. Ás 13.00 horas celebraranse a misa e a procesión da Santísima Virxe da Barca ata o porto e, ás 14.30, a tirada da que a organización presenta como a maior traca de bombas de Galicia. Haberá sesión vermú coa Orquestra Magos, tardeo con Mar Davila ata as 19.00 horas e verbena con Magos e Los Satélites.
O luns 14 pechará o programa coa tirada de bombas ás 9.00, misas ás 10.00 e ás 19.00, a misa e procesión ata o santuario ás 12.00 horas, pasarrúas, sesión vermú da Orquestra Escaparate e verbena con Escaparate e Olympus.




