O Concello de Zas rematou as obras de consolidación e posta en valor do Camiño Real, a antiga calzada romana de Brandomil, unha intervención que permite percorrer xa completo o tramo recuperado e que busca asegurar a súa conservación a longo prazo.
Os traballos desenvolvéronse no chamado Camiño da Ponte Vella e afectaron a 83,81 metros da vía histórica, cunha superficie de 374,86 metros cadrados. As actuacións centráronse na consolidación do lousado e dos laterais, na mellora da drenaxe e na recuperación de elementos da estrutura orixinal, entre eles os bueiros e as beiras. Tamén se limparon as cunetas e se retiraron materiais alleos ao trazado histórico.
Garantir a conservación do patrimonio
O alcalde, Manuel Muíño, afirmou que «o máis importante desta actuación é que non só conseguimos recuperar unha calzada cun aspecto moi bonito e facer posible que se poida visitar na súa totalidade, senón que estamos garantindo que este patrimonio se conserve ben para as xeracións futuras».
A intervención aplicou criterios de mínima intervención, reversibilidade e uso de materiais compatibles cos orixinais, e evitou reconstruír os puntos dos que non existía información suficiente sobre a súa configuración.
Os traballos achegaron ademais datos sobre a construción da vía. Documentáronse distintos sistemas de preparación do terreo baixo o lousado e diferentes materiais pétreos, e nalgúns tramos identificáronse capas de area, arxila, gravas e pedra miúda.

Ponte Vella
Na contorna da Ponte Vella sitúanse o xacemento romano-medieval e necrópole de Brandomil, o castro e a propia ponte. En 2025 incorporouse ao catálogo o xacemento de Pedra do Altar, ao oeste da localidade. Segundo o Concello, o conxunto constitúe un dos principais espazos arqueolóxicos romanos da provincia da Coruña, de interese para o estudo das vías de comunicación en época romana.
O Concello executa tamén a restauración do antigo lavadoiro próximo á Pedra do Altar, onde substitúe o cemento e a uralita por madeira e tella.



