A Plataforma Stop Biogás A Laracha presentou este martes no Rexistro Municipal unha Iniciativa Popular Local respaldada por 2.000 sinaturas, coa que solicita que se convoque un pleno extraordinario para iniciar os trámites e estudos necesarios para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello.
O obxectivo da iniciativa é prohibir a instalación de plantas industriais de xestión de residuos para a produción de biogás, e outras similares, en solo rústico do municipio, ao considerar que estas actividades afectan a núcleos de poboación e ao patrimonio. A proposta inclúe ademais a petición dunha suspensión cautelar inmediata do outorgamento de licenzas para este tipo de instalacións mentres se tramita a modificación do PXOM, entre elas a da planta de biogás prevista en Soandres.
O acto de entrega contou coa presenza de varios veciños e veciñas do municipio. Fontes da Plataforma sinalaron que se trata de «outro paso máis na defensa do noso territorio e da nosa veciñanza», e agradeceron a implicación de todas as persoas que asinaron, recolleron e custodiaron as sinaturas.
Máis mobilizacións
O colectivo anunciou tamén novas mobilizacións para as vindeiras semanas. O sábado 8 de agosto, ás 12:30 horas, celebrarase un «Abrazo á Auga 2026» na Área Recreativa de Gabenlle, no contorno do río Anllóns, en colaboración con Ecoloxistas Galicia «Atlántica e Verde», como acción previa ao IV Encontro Burla Verde, previsto para o 5 e 6 de setembro en Mazaricos.
Ademais, o xoves 13 de agosto terá lugar a IV Cadea Humana no Río Anllóns, tamén na Área Recreativa de Gabenlle, coincidindo coa data mensual que lembra o día en que se fixo pública a exposición do proxecto da macroplanta prevista na parroquia de Soandres.


