Traballadoras do SAF de Muxía denuncian problemas persistentes na xestión do servizo

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Muxía advertiron este luns de que persisten os problemas na organización do servizo desde a chegada da actual empresa concesionaria, AO Mayores Servicios Sociales, e reclamaron actuacións por parte das administracións públicas.

Segundo indicou a representación do persoal, nos últimos meses mantivéronse varias reunións coa empresa e co Concello de Muxía, ademais de presentarse reclamacións ante a Inspección de Traballo. Con todo, «a día de hoxe, boa parte das deficiencias continúan sen resolverse, a pesar das actuacións realizadas e do requirimento efectuado pola propia Inspección», sinalaron as traballadoras.

O colectivo denunciou cambios continuos de auxiliares, modificacións frecuentes dos horarios e dificultades para garantir a continuidade dos coidados, un aspecto que consideran fundamental para as persoas usuarias que precisan atención diaria. Tamén apuntaron a tempos de desprazamento insuficientes para a realidade do rural, modificacións unilaterais dos calendarios laborais e falta de transparencia na xestión do servizo.

Unha atención estable, continuada e de calidade

As traballadoras precisaron que as súas reivindicacións non se limitan ás condicións laborais, senón que «defendemos un modelo de coidados no que as persoas usuarias reciban unha atención estábel, continuada e de calidade».

Neste sentido, reclamaron ao Concello de Muxía, como administración contratante, e á Xunta de Galicia, como responsábel do sistema público de atención á dependencia, que «garantan que o servizo se preste nas condicións de calidade e respecto aos dereitos laborais que esixe a normativa».

Por último, o colectivo afirmou que seguirá colaborando coas institucións competentes e empregando as vías legais que sexan precisas para defender un servizo público de calidade, «porque reclamar condicións laborais dignas tamén significa defender unha atención digna para as persoas que máis o necesitan».

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,270SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos