O pleno do Concello de Coristanco, reunido onte en sesión ordinaria, deu luz verde por unanimidade ao calendario de festivos locais para 2027, que quedan fixados no 9 de febreiro (Martes de Entroido) e o 10 de decembro (Santa Eulalia de Castro).
875.000 euros para infraestruturas municipais
Na mesma sesión, a corporación municipal aprobou tamén unha modificación de crédito que supera o millón de euros (1.000.561 €), coa que se pretende reforzar o investimento en infraestruturas do municipio. O groso desta partida, 875.000 euros, irá destinado a un novo proxecto para mellorar 24 tramos da rede viaria municipal. Con esta actuación, o Concello prevé intervir ao longo de 2026 nun total de 54 tramos de estradas locais, cun investimento conxunto que roza os 2,2 millóns de euros.
O alcalde, Juan Carlos García, enmarcou este novo paquete de obras dentro do plan de conservación viaria que o goberno local vén desenvolvendo desde hai tres anos, período no que —segundo indicou— xa se acondicionaron un centenar de tramos con máis de 5 millóns de euros investidos entre xuño de 2023 e decembro de 2025.
A modificación orzamentaria recolle ademais fondos para redactar novos proxectos, liquidar obras xa executadas e acometer traballos complementarios na Caseta de Lagoeiros, inmoble que se transformará en vivenda social.
Novos parques infantís en Erbecedo e San Xusto
Por outra banda, o pleno sacou adiante un crédito extraordinario de máis de 130.000 euros con varios destinos: a creación de dous parques infantís en Erbecedo e San Xusto, a incorporación de zonas de sombra no parque de Traba, a compra de equipamento para os servizos de protección e medio ambiente, a adquisición dunha parcela no Campelo para mellorar a subministración de auga en Nogueira, melloras acústicas no local social de Oca e un incremento da achega ao obradoiro de emprego que Coristanco comparte con Carballo.
A sesión rematou coa aprobación, tamén por unanimidade, da praza de Tesourería en agrupación co Concello de Ponteceso, e coa comunicación de que o período medio de pagamento do segundo trimestre de 2026 se situou en 5,88 días.


