O Concello de Camariñas celebrou hoxe un pleno extraordinario no que se formalizou por unanimidade o nomeamento da artista Luz Casal como Filla Adoptiva da vila, en recoñecemento á súa traxectoria e por proxectar internacionalmente a canción tradicional ‘Camariñas’.
A alcaldesa, Sandra Insua, destacou nun discurso dirixido á cantante, natural de Boimorto, que a súa achega vai máis alá dos éxitos en escenarios de Europa e Latinoamérica, ao converter unha «pequena cantiga nosa» nun himno universal. Insua sinalou que, ao interpretar a peza, Casal «colle a nosa alma, o cheiro do noso mar e o bruar das nosas ondas» e o leva a públicos que doutra forma non coñecerían Camariñas.
O recoñecemento estendeuse tamén a outros artistas que difundiron a canción, así como ás mulleres palilleiras presentes no acto, ás que a alcaldesa definiu como «o fío invisible que sostén a historia de Camariñas».

Luz Casal: «Nunva estivera en Camariñas»
Pola súa banda, Luz Casal explicou que era a primeira vez que visitaba a localidade e lembrou que, na súa infancia, a súa nai lle falaba do encaixe e do traballo das palilleiras, «algo que se me quedou gravado na mente». A artista mostrouse agradecida pola distinción e anunciou que levará a medalla ao concerto que ofrecerá na Coruña o próximo sábado, 1 de agosto, onde tamén interpretará ‘Camariñas’.
O acto pechouse cunha actuación en directo dos músicos Fran Barcia e Budiño, que interpretaron o tema xunto á propia homenaxeada, nun momento no que Casal fundiu a súa voz cos veciños presentes na sala.
Con este nomeamento, o Concello subliña que, máis alá do título oficial, Luz Casal «xa era da nosa familia dende hai moito tempo».




