As intervencións desenvolveranse nos municipios da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas, cun prazo de execución estimado de seis meses.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adxudicou por 3.078.354,95 euros as obras de renovación do firme en oito estradas autonómicas ao seu paso por dez concellos da Costa da Morte.
O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones López Cao, S.L. e contempla actuacións de reforzo do firme na vía de altas prestacións VG-1.4 (Cee-Sardiñeiro), así como nas estradas AC-404 (Santa Comba-Baio), AC-429 (Ponteceso-Laxe), AC-440 (Berdoias-Muxía), AC-444 (Negreira-Ponte Failde), AC-546 (Negreira-A Pereira), AC-550 (Cee-Ribeira) e AC-552 (A Coruña-Cee).
As intervencións desenvolveranse nos municipios da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas, cun prazo de execución estimado de seis meses.
Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme mediante diferentes actuacións destinadas a restaurar as condicións do pavimento, mellorar as súas prestacións funcionais e aumentar a súa durabilidade. En total, actuarase sobre preto de 65 quilómetros da rede autonómica.
Segundo informa a Xunta, todas as obras executaranse dentro da franxa de dominio público das estradas, polo que non será necesario realizar expropiacións de terreos.
A Consellería sinala que estas actuacións teñen como obxectivo mellorar as condicións de circulación, reforzar a seguridade viaria e contribuír á conservación da rede autonómica, reducindo ademais os custos de mantemento a longo prazo.


