O Grupo Municipal Socialista de Muxía formalizará unha queixa a ante a Valedora do Pobo contra o Goberno local tras coñecer as bases de licitación do novo servizo de limpeza municipal. Segundo explican desde a formación, o documento elaborado polo Executivo exclúe a totalidade dos núcleos rurais do concello, o que supón deixar sen prestación ao 75% da veciñanza.
Os socialistas consideran que o prego deseñado polo Executivo xurdido da moción de censura é «completamente discriminatorio» coa contorna rural. O portavoz do PSOE no municipio, Iago Toba, cualificou a medida de inaceptable e asegurou que non van permitir «este desprezo a Muxía distinguindo entre veciños de primeira ou de segunda dependendo do lugar do municipio no que vivan».

Un servizo limitado ao núcleo urbano
Segundo Toba, a proposta de licitación actualmente en marcha circunscribe as tarefas de limpeza exclusivamente ao núcleo urbano principal e ao mantemento duns dez espazos recreativos ao longo do ano.
Desde o PSOE creen que este plan de limpeza segue a liña dos orzamentos. Conforme aos seus cálculos, os orzamentos municipais reservan seis euros para festas por cada euro destinado a labores de mantemento e limpeza.
Así mesmo, desde o grupo socialista sinalan de xeito directo ao BNG de Muxía, partido ao que acusan de manter un «silencio cómplice» fronte ás decisións do «goberno de Javier Sar e Sandra Vilela». Iago Toba afirmou :“Se fan desaparecer as aldeas do plan de limpeza é porque o BNG tamén o quere así, axudando a tal fin co seu voto sempre favorable ao goberno dos ´tres que non fan un´»


