A Deputación financiará o 80% da actuación para rehabilitar e ampliar a antiga escola unitaria de Berdeogas.
A Deputación da Coruña e o Concello de Dumbría investiran 189.775,26 euros na creación dun Punto de Atención á Infancia (PAI) en Berdeogas. O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, asinaron este venres o convenio de colaboración para executar a actuación.
A Deputación achegará 151.820,20 euros, o que supón o 80% do investimento, mentres que o Concello asumirá o importe restante con fondos propios.
O novo servizo municipal estará destinado á atención diúrna de nenos e nenas de entre tres meses e tres anos, ofrecendo ás familias unha alternativa de coidado flexible para facilitar a conciliación laboral e familiar. O equipamento estará especialmente orientado a cubrir necesidades puntuais ou horarios adaptados ás circunstancias das familias.
Características do PAI de Berdeogas
As obras permitirán rehabilitar e ampliar a antiga escola unitaria situada xunto ao centro social e cultural de Berdeogas. O proxecto desenvolverase nunha parcela de 604 metros cadrados e incluirá unha ampliación do edificio, así como a renovación das instalacións.
O novo PAI contará con recepción, despacho, aseo accesible, zona infantil de descanso e gatexo, aseos adaptados, espazo para preparación de alimentos e unha zona exterior de xogos acondicionada.
A actuación tamén contempla melloras de eficiencia enerxética, climatización, iluminación e accesibilidade. O prazo previsto para a execución dos traballos é de doce meses.
O Concello de Dumbría sinala que este novo servizo permitirá reforzar a atención á infancia e dar resposta ás necesidades de conciliación das familias do municipio.


