Iago Toba pide desculpas polas súas expresións pero denuncia unha campaña de acoso político

O portavoz do PSOE no Concello de Muxía e exalcalde do municipio, Iago Toba, fixo pública unha declaración na que pide desculpas polas expresións utilizadas durante a última comisión informativa municipal, ao tempo que asegura que os feitos están a ser utilizados con fins políticos e denuncia o que considera unha campaña de acoso continuada contra a súa persoa.

No comunicado, difundido a través das súas redes sociais, Toba recoñece que empregou «expresións inapropiadas» e admite que foron pronunciadas «nun lugar inapropiado». O portavoz socialista afirma que non lle custa pedir desculpas e sinala que esas palabras «non se poden disfrazar», aínda que considera que se está intentando darlles unha interpretación que, segundo el, non se corresponde co sucedido.

«Machaque, acoso e intentos continuos de humillación»

Con todo, a maior parte da súa mensaxe céntrase en denunciar o que define como anos de «machaque, acoso e intentos continuos de humillación» por parte do BNG, do PP e de Independentes por Muxía, así como de persoas da súa contorna. Segundo sostén, o único obxectivo desa actuación sería apartalo da vida política.

Toba cuestiona tamén o que cualifica de «hipocrisía» dalgúns dos seus adversarios políticos. Así, afirma que non houbo reaccións cando, segundo asegura, o alcalde de Muxía, Javier Sar, realizou comentarios sobre a súa situación laboral, nin tampouco cando unha familiar directa da portavoz nacionalista foi condenada polo Xulgado de Corcubión por un intento de agresión e ameazas contra el. O portavoz socialista asegura que, naquela ocasión, non recibiu ningunha mostra pública de condena por parte do BNG nin dos integrantes do goberno municipal.

«Caer novamente na trampa de sempre»

Na súa valoración dos feitos, Iago Toba considera que cometeu o erro de «caer novamente na trampa de sempre», ao entender que a polémica xerada arredor das súas palabras desvía a atención da situación política e da xestión municipal.

Segundo explica no comunicado, considera que os grupos que conforman o actual goberno local pretenden que o debate público se centre no ocorrido durante a comisión e non, ao seu xuízo, na situación que atravesa o concello tras a moción de censura que mudou o executivo municipal.

O portavoz socialista conclúe o seu escrito dando por pechado este episodio. «Con isto, un punto e final», afirma, antes de asegurar que continuará centrado na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Muxía.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos