O BNG da Costa da Morte manifestou o seu total rexeitamento ante o comportamento do portavoz municipal do PSOE de Muxía, Iago Toba Campaña, durante a celebración o 13 de xullo, dunha Comisión Informativa Xeral do Concello de Muxía. A formación nacionalista cualifica de inaceptábel a actitude do edil socialista e estuda a adopción de medidas legais contra el.
O BNG critica que o representante do PSOE realizou alusións persoais totalmente irrespectuosas e fóra de lugar dirixidas á portavoz municipal do grupo nacionalista, Mercé Barrientos Varela, que incluíron expresións ofensivas cara á concelleira, entre elas a frase «de puterío sabe bastante».
A formación nacionalista reprobou rotundamente o que cualifica como actitudes machistas de carácter repetitivo por parte do concelleiro socialista. Ao respecto, lembran que durante o ano pasado xa se rexistraron episodios similares nos que o portavoz do PSOE dirixiu expresións descalificatorias a Barrientos, polo que consideran que a situación se agravou co paso do tempo.
Ante esta situación, o BNG apelou á responsabilidade da dirección do PSdeG-PSOE por manter no seu posto a un concelleiro que amosa comportamentos que consideran incompatibles coa representación pública, e esíxelle que actúe de maneira inmediata.
Pola súa banda, o responsábel local do BNG en Muxía, Carlos Fernández Concheiro, trasladou o «total apoio da nosa organización á portavoz municipal, Mercé Barrientos, ante os insultos machistas e impresentables por parte de Iago Toba». Concheiro incidiu en que estes comportamentos «son reiterados no tempo, que non se poden permitir a un representante público e que deberían avergoñar a unha formación política que se denomina progresista».

