O proxecto, impulsado pola iniciativa privada coa colaboración da Xunta e do Concello, xerará arredor de 90 empregos directos
Ponteceso contará en 2028 coa súa primeira residencia para persoas maiores, un centro de case 6.000 metros cadrados que disporá de 140 prazas, unidades de convivencia e apartamentos tutelados. O proxecto, promovido pola iniciativa privada coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello, suporá un investimento duns 12 millóns de euros e permitirá a creación de arredor de 90 postos de traballo directos.
O anuncio foi realizado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a presentación da iniciativa. A titular autonómica destacou que a nova infraestrutura forma parte da estratexia da Xunta para ampliar a rede de atención ás persoas maiores, coa previsión de crear 3.500 novas prazas residenciais en Galicia nos vindeiros tres anos mediante a apertura de 24 novos centros.

Fabiola García tamén puxo en valor o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), sinalando que Ponteceso recibirá un incremento adicional de preto de 337.000 euros grazas ao acordo entre a Xunta e a Fegamp, o que elevará o financiamento deste servizo ata os 1,14 millóns de euros durante os próximos tres anos.
Segundo avanzou o arquitecto do proxecto, Blas Tojo, a previsión é obter os permisos necesarios nos vindeiros seis meses para iniciar as obras e cumprir o obxectivo de abrir o centro ao longo de 2028. A residencia situarase no núcleo urbano de Ponteceso e distribuirase en tres plantas residenciais, con dúas unidades de convivencia de 22 prazas por andar, ademais de apartamentos tutelados na planta baixa e baixo cuberta.
O alcalde José Manuel Mato amosou a súa satisfacción pola próxima disposición desta prestación, que suporá «dar un enorme salto en canto á calidade de vida e benestar da veciñanza».

