O Grupo Municipal Socialista de Muxía denunciou este xoves o que cualifica de «caos, ineficacia e irregularidades» na prestación do servizo de limpeza do municipio desde a constitución do actual goberno local tras a moción de censura.
Segundo indica o PSdeG nunha nota de prensa, nos últimos meses incrementáronse as queixas da veciñanza polo estado de rúas, espazos públicos e diferentes zonas do municipio, tanto no casco urbano como nas parroquias, onde, segundo sostén, a limpeza resulta inexistente ou insuficiente. A formación asegura que esta situación está a provocar unha deterioración da imaxe do concello e afecta ao día a día dos residentes.
Iago Toba: «Ver a Muxía así, prodúcenos tristeza»
O portavoz socialista, Iago Toba, afirma que «ver a Muxía así, prodúcenos tristeza. Os veciños e veciñas non merecen este abandono do seu municipio, das súas parroquias e dos seus lugares».
A formación tamén critica a execución das actuacións de limpeza realizadas polo Goberno municipal. Entre as deficiencias que enumera figuran maleza cortada sen retirar, lixo acumulado no casco urbano, desbroces realizados con medios que considera inadecuados, colectores rodeados de vexetación, persoal sen medios suficientes para desenvolver o seu traballo e outras incidencias relacionadas coa prestación do servizo.
Ademais, os socialistas aseguran que xa trasladaron á vía xudicial unha serie de presuntas irregularidades na contratación do servizo, ao considerar que existen adxudicacións sen expediente, sen programa de limpeza, sen control económico e con importes que, segundo afirman, superarían os límites legalmente establecidos. Tamén sosteñen que nalgúns casos existiría ausencia de contratos entre o Concello e a empresa responsable, así como entre a empresa e parte do persoal.
Finalmente, o PSdeG reclamou ao alcalde, Javier Sar, maior transparencia na xestión dos recursos públicos e a publicación da documentación relativa aos contratos municipais vinculados ao servizo de limpeza, ao considerar que a cidadanía ten dereito a coñecer os criterios de organización e o destino dos fondos públicos.

