O Partido Popular de Santa Comba denunciou o estado de conservación da contorna da Fervenza de Castriz e reclamou ao Goberno municipal unha actuación «urxente» para executar labores de limpeza, mantemento e conservación neste espazo natural.
Nunha publicación nas redes sociais, a formación asegura expresar o seu «profundo desagrado» e a súa «sorpresa» pola situación que presenta un dos principais atractivos naturais e turísticos do municipio durante o verán.
O PP afirma que a contorna ofrece unha imaxe de abandono e enumera diversas deficiencias detectadas no lugar. Entre elas cita tubaxes saíndo da terra, acumulación de sucidade na zona de churrasqueiras, maleza invadindo as escaleiras, bancos deteriorados, unha pasarela en mal estado e a falta de mantemento do muíño e doutros espazos do recinto.
Petición ao goberno local xalleiro
Segundo a formación popular, a Fervenza de Castriz constitúe un lugar emblemático de Santa Comba e unha das principais cartas de presentación para as persoas que visitan o concello. Neste sentido, considera que o estado actual do espazo «non beneficia nin ao turismo nin aos veciños» e transmite unha imaxe de abandono que, ao seu xuízo, resulta incompatible coa promoción turística do municipio.
Por este motivo, o grupo popular solicitou ao alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, que poña en marcha de maneira inmediata as actuacións necesarias para recuperar as condicións da contorna. O PP pide que se executen traballos de limpeza, mantemento e conservación que permitan mellorar o estado deste recurso natural.
«Santa Comba necesita apostar polo turismo, pero para iso é imprescindible coidar e manter en condicións os seus principais recursos naturais», conclúe o comunicado difundido polo Partido Popular de Santa Comba.
FOTO- FACEBOOK-PP SANTA COMBA

