A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo este xoves ao Concello de Zas como exemplo do modelo de xestión municipal da formación nacionalista durante unha visita na que mantivo un encontro con representantes do tecido asociativo do municipio xunto ao alcalde, Manuel Muíño.
Pontón afirmou que Zas representa un modelo de goberno local que, segundo sinalou, «transforma en positivo a vida da xente» mediante unha xestión eficaz dos recursos e a colaboración coa veciñanza. No encontro participaron representantes de asociacións veciñais, comerciais, educativas, culturais e deportivas, cuxo labor definiu como «unha parte moi importante da vida de Zas».
Pola súa banda, o alcalde agradeceu a visita da portavoz nacional e mostrou a súa confianza en que as inquedanzas trasladadas polo tecido social, económico e cultural do concello poidan ser canalizadas para impulsar solucións.

A portavoz do BNG destacou a traxectoria do goberno municipal encabezado por Manuel Muíño e situou a defensa dos servizos públicos entre as prioridades dos executivos locais da formación. Neste contexto, referiuse á reivindicación dun servizo de pediatría para o municipio e afirmou que os nenos e nenas de Zas «deben ter pediatra como en calquera outra parte do país» e que «non son nenos e nenas de segunda».
Pontón tamén reiterou a oposición do BNG ao proxecto de reactivación da mina de Coéns, promovido pola Xunta e con afección prevista sobre os concellos de Zas, Laxe e Cabana. Segundo indicou, a formación manterá o seu rexeitamento a unha iniciativa que cualificou de «proxecto colonialista», ao considerar que prioriza a extracción dos recursos naturais fronte aos intereses do territorio.
Así mesmo, destacou como exemplo de desenvolvemento o parque científico-tecnolóxico que o Concello de Zas impulsa en colaboración coa Universidade da Coruña, ao considerar que iniciativas deste tipo contribúen a xerar emprego e actividade económica no medio rural. «Os concellos do BNG marcan a diferenza», concluíu.

