Malpica de Bergantiños acollerá este vindeiro domingo, 21 de xuño de 2026, a súa tradicional Romaría de Santo Hadrián. A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, manterá unha programación centrada nos actos relixiosos e na romaría popular.
A xornada comezará ás 7:30 horas cunha misa na igrexa parroquial de San Xulián de Malpica. Ao remate, arrincará a procesión ata o Santuario, onde se oficiará unha nova misa á chegada. Durante a mañá, o templo acollerá oficios ás 10:00, 11:00 e 12:00 horas, antes da misa solemne programada para as 13:00 horas.
No apartado lúdico, a xornada contará coa tradicional Sardiñada Popular organizada pola ACD San Xulián. O evento estará amenizado pola actuación musical da artista Judith Cundíns.
Xa pola tarde, ás 17:30 horas, a procesión fará o camiño de retorno desde o Santuario cara á igrexa de Malpica. Unha última misa ás 19:00 horas no templo parroquial porá o peche oficial á festividade.

