Ana Pontón presentou á candidata do BNG en Laxe: “Estou convencida de que Cristina Vázquez vai ser a próxima alcaldesa para poñer en marcha un Laxe mellor, un Laxe en grande”. Xa falta menos dun ano para as eleccións municipais de 2027 e empeza a rolda de presentacións de candidatos.

“Os concellos BNG son concellos que avanzan”
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou este venres na presentación de Cristina Vázquez como candidata á Alcaldía de Laxe nas eleccións municipais de 2027. Durante o acto, Pontón mostrouse convencida de que o municipio pode abrir unha nova etapa política coa nacionalista á fronte do goberno local.
A líder do BNG destacou que Vázquez conta con “equipo e proxecto” para impulsar o desenvolvemento do concello e asegurou que a formación afrontará os próximos comicios coa intención de lograr a Alcaldía. Ademais, puxo como exemplo de xestión municipal o modelo desenvolvido en Carballo, que cualificou como un referente nos ámbitos económico, social e cultural.
“Os concellos BNG son concellos que avanzan, que progresan, que teñen un modelo de éxito que mellora a vida das persoas e xera dinamismo en todos os ámbitos” declarou Pontón.

Cristina Vázquez quere un “Laxe mellor e con futuro”
Pola súa parte, Cristina Vázquez afirmou que o seu obxectivo é construír un “Laxe mellor e con futuro”, cunha aposta por reforzar os servizos públicos, apoiar sectores estratéxicos como a pesca, a hostalaría e o comercio, e mellorar a atención ás parroquias.
Entre as prioridades expostas pola candidata figuran a extensión de servizos básicos como o alcantarillado, a mellora do transporte para o alumnado e o mantemento da limpeza do municipio durante todo o ano.
A candidata tamén defendeu a protección do patrimonio natural e cultural do concello, facendo referencia á situación da Lagoa de Traba, e mostrou a súa preocupación por proxectos como a posible reapertura da mina de Coens.
Durante a súa visita a Laxe, Ana Pontón mantivo ademais encontros con representantes da confraría local e coa veciñanza de Traba para abordar cuestións relacionadas coa pesca, o marisqueo e a conservación ambiental.
Encantada de estar na presentación da nosa candidata Cristina Vázquez, a alcaldesa capaz de construír un Laxe en grande, porque ten ambición e ilusión, equipo e un proxecto para facer un concello mellor. A por todas! pic.twitter.com/FXIoYWSyLQ
— Ana Pontón (@anaponton) June 12, 2026

