A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, desprazarase este sábado 13 de xuño aos municipios da Laracha e Laxe para reunirse con representantes das plataformas veciñais que se opoñen á instalación dunha planta de biogás na parroquia de Soandres e ao proxecto mineiro previsto en Coéns.
A representante nacionalista no Parlamento Europeo manterá encontros cos colectivos STOP Biogás A Laracha e Plataforma contra a mina de Coéns co obxectivo de coñecer de primeira man as preocupacións existentes arredor de ambas iniciativas e recoller información sobre o seu posible impacto nos territorios afectados.

Na visita estará acompañada polo deputado do BNG no Parlamento de Galicia por Bergantiños-Costa da Morte, Óscar Insua, así como polo responsable comarcal da formación nacionalista en Bergantiños, Xosé Manuel Pose.
No encontro previsto no lugar de Vista Alegre- Soandres- A Laracha (11,00H) participará tamén a portavoz municipal do BNG, Carolina Castiñeiras, mentres que en Coéns-Laxe (12,30h) sumarase a portavoz nacionalista no concello, Cristina Vázquez del Prisco.
Segundo informa o BNG, a xornada permitirá trasladar ao ámbito europeo as inquietudes expresadas pola veciñanza respecto a dous proxectos que xeraron mobilización social nos últimos meses. As plataformas veciñais veñen manifestando a súa preocupación polas posibles consecuencias ambientais, paisaxísticas e socioeconómicas destas actuacións nos respectivos municipios.

