O grupo municipal socialista de Muxía denunciou este luns a situación do stand do Concello na Feira Internacional Semana Verde de Silleda, asegurando que permaneceu sen montar e sen contido durante as dúas primeiras xornadas do certame, incluída a inauguración.
Segundo trasladaron os socialistas nun comunicado, a situación provocou malestar entre a organización e entre visitantes que percorreron o recinto feiral, ao atoparse cun espazo municipal baleiro durante parte do evento, que tivo unha duración total de catro días.
Montaxe posterior insuficiente
A formación sinala que, tras unha advertencia da organización da feira, o espazo foi dotado posteriormente con sete láminas fotográficas almacenadas na Casa das Beiras e dúas nasas, elementos que, ao seu xuízo, resultaron insuficientes para representar a oferta turística, cultural e patrimonial do municipio.
Os socialistas vincularon este episodio coa política de promoción turística desenvolvida polo actual goberno local, presidido por Javier Sar. No comunicado tamén lembran outras actuacións que consideran deficientes en materia de promoción exterior do concello.
“Ver como este goberno trata a imaxe de Muxía é absolutamente lamentable«
O exalcalde e portavoz socialista, Iago Toba, criticou a imaxe proxectada polo municipio durante a feira. “Ver como este goberno trata a imaxe de Muxía é absolutamente lamentable: pasamos de ser un referente de estratexia e liderado de promoción turística a ser a risa de todo un sector”, afirmou.
Toba engadiu que, ao seu entender, “o goberno da moción de censura non representa nin é capaz de representar a grandeza e riqueza cultural, gastronómica, turística e patrimonial de Muxía”.
Finalmente, o PSdeG de Muxía reclamou explicacións ao executivo local pola situación rexistrada na Semana Verde e pola ausencia, segundo sosteñen, de representantes do goberno municipal durante os catro días de celebración da feira.

