O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou este luns en Santa Comba o papel do Plan Único (POS+) como ferramenta para mellorar servizos e infraestruturas municipais durante unha visita institucional a varias actuacións financiadas con cargo a este programa provincial.
Acompañado polo alcalde, Alberto Romar, e polo deputado de Deportes, Antonio Leira, Formoso percorreu as obras de reforma e ampliación dos vestiarios do campo municipal de Fontenla, unha intervención xa rematada que contou cun investimento de 203.885 euros.
Os traballos permitiron renovar os vestiarios existentes, mellorar duchas, instalacións e equipamentos, así como habilitar novos espazos, entre eles un vestiario accesible. A actuación incluíu tamén a renovación da cuberta, da fachada e dos accesos exteriores.

A visita continuou coa comprobación das obras de reposición das beirarrúas da rúa Pontevedra, cun investimento próximo aos 142.000 euros, que permitiu renovar 1,3 quilómetros de percorridos peonís e instalar novo mobiliario urbano. Tamén se supervisaron as melloras realizadas na pista de tenis da parroquia de Ser, cun orzamento próximo aos 95.000 euros destinado á renovación do pavimento, drenaxe, iluminación e peche perimetral.
Durante o acto, Formoso afirmou que o Plan Único supuxo unha “revolución” no financiamento municipal e destacou que os fondos destinados pola Deputación aos concellos pasaron de 24 millóns a máis de 153 millóns de euros anuais. Pola súa banda, Romar agradeceu o apoio provincial e sinalou que estas actuacións contribúen a mellorar os servizos públicos e a favorecer a permanencia da poboación no rural.
Segundo os datos facilitados pola Deputación, Santa Comba acumula máis de 28,5 millóns de euros en investimentos provinciais nos últimos once anos, dos que 16,2 millóns corresponden ao Plan Único. O municipio recibirá ademais 2,6 millóns de euros do POS+2026

